Incautan en Bueu 56 quilos de polbo sen documentación

Bueu
10 de maio 2018

A Garda Civil incautou en Bueu un lote de 56 quilos de polbo que foron achados nunha furgoneta. O condutor, que asegurou ser o propietario da mercadoría, non puido explicar a orixe do polbo nin presentar a documentación que acredita a súa legalidade

Capachos onde estaba oculto o polbo Guardia Civil

A Garda Civil incautou en Bueu un lote de 56 quilos de polbo que foron achados nunha furgoneta. O condutor, que asegurou ser o propietario da mercadoría, non puido explicar a orixe do polbo nin presentar a documentación que acredita a súa legalidade.

Segundo explicou o instituto armado, o polbo foi interceptado nunha inspección rutineira que se desenvolveu no porto de Bueu sobre captura, comercialización e transporte de produtos pesqueiros.

Ao iniciar a inspección, os axentes decatáronse da saída precipitada dunha furgoneta que abandonaba o peirao cunha velocidade inadecuada, posiblemente ao observar a chegada do vehículo oficial.

Ante a actitude sospeitosa deste vehículo, foi seguido e posteriormente interceptado nunha rúa do centro urbano da localidade.

Ao inspeccionar a mercadoría que transportaba a furgoneta, a Garda Civil atopou dous capachos ocultos entre os asentos traseiros, que contiñan os 56 quilos de polbo sen a preceptiva documentación.

Os axentes identificaron o condutor e comprobaron que se trata dunha persoa reincidente neste tipo de infraccións.

Xunto coa incautación do polbo, denuncióuselle como suposto autor dunha infracción administrativa á vixente Lei de Pesca de Galicia, por transportar produtos procedentes da pesca extractiva sen o correspondente documento de transporte.

O polbo entregouse no comedor social de Cangas e a denuncia remitiuse ao órgano competente da Consellería do Mar.