Inauguran a exposición sobre o centenario da Misión Biolóxica de Galicia

Pontevedra
14 de xaneiro 2022

Os tres cubos que compoñen a exposición amosan tres miradas diferentes: a do pasado, a do o presente e a do futuro. Pode visitarse no Paseo de Antonio Odriozola

Inauguración da exposición sobre o centenario da Misión Biolóxica de Galicia Concello de Pontevedra

A exposición coa que se celebra o centenario da creación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) xa pode ser visitada no paseo de Antonio Odriozola, ao carón da praza da Ferraría. Unha mostra que recolle o pasado, o presente e o futuro do centro de investigación situado en Salcedo, co obxectivo de achegar o traballo e as persoas que alí traballan até a veciñanza da Boa Vila.

A directora da MBG, Elena Cartea estivo acompañada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola subdelegada do Goberno, Maica Larriba. Os tres gozaron dunha breve visita guiada dirixida por Pedro Peón, encargado da mesma e vicedirector técnico de internacionalización, transferencia e difusión da MBG.

Os tres cubos que conforman a exposición presentan fotografías, ilustracións e breves cadros de texto con información, amais de códigos QR que permiten afondar aínda máis na realidade da Misión Biolóxica de Galicia,  o instituto de investigación máis antigo do Consejo Superior de Investigaciones Científicas en Galicia e o de investigación agraria más antigo de España, 

Os tres cubos dividen a información en tres épocas concretas. O pasado, un pequeno resumo desde o nacemento da MBG até case a actualidade, unha evolución e percorrido histórico. O presente, a MBG hoxe, presenta os oito grupos de investigación que compoñen esta entidade hoxe e os seus principais estudios. O futuro, cos desafíos que aparecen no horizonte da MBG, como as preocupacións pola biodiversidade xenética en xeral e mesmo algúns dos obxectivos de desenvolvemento sostible redactados pola ONU.

O rexedor quixo facer fincapé de novo, durante a súa intervención, na relevancia da MBG dentro da cidade. Un centro de investigación que moitos veciños e veciñas non se decatan da súa presencia, mais que da cabida a máis de 80 persoas, logrando avances significativos que de seguro permitirán logros para o sector primario galego.

Pola súa banda, a subdelegada quixo agradecer a Misión Biolóxica de Galicia “un século de dedicación ao servizo da ciencia e dos agricultores desta provincia” e animou aos seus integrantes a continuar avanzando “pola mesma senda: a da recuperación, a da sustentabilidade e a da transferencia da tecnoloxía necesaria para converter ao noso sector agrario en punta de lanza do desenvolvemento do noso mundo rural”.