Impulsan unha nova zona de estancia na senda do Gafos á altura da rúa Ponte Nova

Pontevedra
24 de febreiro 2025

Para financiar esta intervención, o Concello solicitou unha axuda á Xunta de Galicia, que activou unha liña de subvencións para o impulso e conectividade e da infraestruturas verdes

Construción na beira dos Gafos que será derrubada para crear unha zona de estancia
Construción na beira dos Gafos que será derrubada para crear unha zona de estancia Mónica Patxot

A senda do río Gafos contará cunha nova zona de estancia á altura da rúa Ponte Nova, segundo anunciou este luns o edil responsable da área de servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda.

Esta actuación, que ten un orzamento de 48.352 euros, suporá recuperar un espazo de casi 170 metros cadrados, que na actualidade ocupa unha edificación de 94 metros cadrados, que hai décadas era usada como lavadoiro e que agora está en ruínas.

A edificación existente, segundo Moreda, non conta con ningún tipo de valor patrimonial ou arquitectónico e son visíbeis na súa fachada as distintas modificacións que se lle foron facendo ao longo dos anos, incorporando ladrillo e outros elementos de nulo valor histórico.

"Está nun estado bastante ruinoso, provocando unha imaxe bastante mala na zona", comentou o concelleiro do BNG, que celebra que este proxecto contribuirá a recuperar a beira esquerda do río nesta contorna, moi próxima á súa desembocadora.

A actuación prevista contempla o derrube da edificación e a recuperación da beira esquerda do río Gafos, creando un espazo para o gozo da veciñanza da zona ou dos paseantes que se acheguen ata este punto, detallou Xaquín Moreda.

Aspecto que terá a nova zona de estancia no Gafos
Aspecto que terá a nova zona de estancia no GafosConcello de Pontevedra

Estes traballos mellorarán o acceso á senda do Gafos, engadiu Moreda, creando un itinerario máis accesible e unha zona de estancia ao carón do río.

Para financiar esta intervención, o goberno municipal solicitou unha axuda á Xunta de Galicia, que activou unha liña de subvencións para o impulso da infraestrutura verde e da conectividade dos espazos verdes.

No caso de que non lla concedan, o Concello asumirá o seu custo con fondos propios.

O edil subliñou que este tipo de actuacións, máis pequenas que outros proxectos de enorme envergadura, son tamén fundamentais para a cidade e non menos importantes.

Defendeu que teñen un gran impacto na súa contorna, mellorando a calidade de vida da veciñanza e dos espazos públicos e, neste caso, "liberando o Gafos dunha construción sen uso e que está en mal estado".