Impulsan obras en todas as parroquias do rural a partir da semana que vén

Pontevedra
03 de xuño 2020

A partir da próxima semana, haberá obras en todas as parroquias de Pontevedra. Así o anunciou o edil de Rural, Alberto Oubiña, que cifrou estas actuacións impulsadas polo Concello en algo máis de 800.000 euros

Obras en Martín Raxó, Lourizán Concello de Pontevedra

A partir da próxima semana, haberá obras en todas as parroquias de Pontevedra. Así o anunciou o edil de Rural, Alberto Oubiña, que cifrou estas actuacións impulsadas polo Concello en algo máis de 800.000 euros. 

Tras destacar o "enorme esforzo" do goberno municipal para poder chegar "a todos os recunchos" do concello, Oubiña explicou que estas actuacións están encamiñadas a estender polo rural o "modelo Pontevedra".

Serán, polo tanto, obras de mellora na seguridade e accesibilidade viaria, de mobilidade peonil, de mellora de parques infantís e de espazos de convivencia.

A maior parte delas serán traballos de calmado de tráfico coa instalación de novos lombos e pasos de peóns sobreelevados en ata nove parroquias do rural.

En Bora realizaranse arranxos viarios no lugar do Tombo, mentres que en Mourente vaise a executar o núcleo de centralidade que inclúe o acceso aos Campos e ao local social e en Tomeza vaise a calmar o tráfico e mellorar a accesibilidade en Lusquiños.

Marcón, pola súa banda, terá obras de calmado de tráfico en Pintos e na Cardosa; en Salcedo acometerase a rehabilitación integral de vías en O Birrete e Matalobos e o calmado de tráfico na Carballeira e San Brais, onde tamén se mellorará a drenaxe.   

Xunto coa rehabilitación de Martín Raxo, en Lourizán avanzarase no cambio de luminarias a LED e en Lérez haberá obras de calmado de tráfico en Cimbelo e O Castelo, rehabilitación de vías na Piolla, Couso e Fontecortiza e melloras de drenaxe en Casaldorado e O Castelo.

Tamén haberá obras de calmado e tráfico en Sobral, Os Fontáns, Maúzo e Pilarteiros, en Santo André de Xeve; mentres que en Santa María, Alba e Verducido están previstas melloras nos parques infantís, igual que en Ponte Sampaio, onde tamén se reporá a area da praia.

En Cerponzóns haberá calmados do tráfico na Costa e nos Cunchidos e mellora de drenaxes na Ameán, Vigario, A Costa e Leborei; en Campañó están previstos calmados de tráfico en Cochón, a mellora de drenaxes en Casaldomendo e a rehabilitacións de vías no Freixo e O Riveiro. Por último, na Canicouva haberá diversas melloras de seguridade viaria e nas fontes.

CONTRATO PARA O RURAL

Alberto Oubiña avanzou tamén que dezasete empresas presentaron as súas ofertas no proceso de contratación do servizo de sostemento de espazos públicos no rural, no que se investirán 1.082.948 euros durante os tres próximos anos.

A maioría delas son de Pontevedra, pero hai ofertas chegadas desde Madrid, Murcia ou Biscaia. A adxudicataria deberá asumir as pequenas incidencias que se precisen no ámbito rural.

Así, entre outras actuacións, inclúense bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais.