Importante golpe contra a loxística do narcotráfico con epicentro en Cambados

O Salnés
06 de abril 2022
Actualizado: 18:48

En Cambados foi detido Ramón Bugallo, primo de Sito  Miñanco. A forzas policiais non esperan intervir droga neste operativo, senón incautar as planadoras e todo tipo de vehículos utilizados para este  narcotransporte. Hai 18 detidos e houbo 27 rexistros en España e Portugal

Xulgados de Cambados Mónica Patxot

Máis de 20 identificados, dos que 18 foron detidos, e varias embarcacións e motores de gran cilindrada intervidos en 27 rexistros. Este é, este mércores, o balance provisional dunha importante operación antidroga desenvolvida desde a madrugada en varias localidades de toda España e Portugal. O epicentro está en Cambados, onde se produciron varias detencións, entre elas, a da cara máis importante de todo o operativo, Ramón Bugallo, alias Mon, primo do coñecido narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco.

A operación ten como obxectivo a loxística do narcotráfico, isto é, desarticular a estrutura dunha organización que se dedica a facilitar todos os recursos necesarios para logo realizar o transporte da droga. Desta forma, as forzas policiais non esperan intervir droga neste operativo, senón incautar as planadoras e todo tipo de vehículos utilizados para este narcotransporte. 

Segundo o balance oficial feito público este mércores polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o operativo enmárcase nunha investigación dirixida polo Xulgado de Instrución número 4 de Cambados contra unha presunta organización criminal supostamente dedicada á construción de embarcacións para destinalas ao tráfico de drogas.

O operativo realízano unidades especializadas da Garda Civil (Equipo de Delincuencia Organizada e Antidrogas- EDOA da Comandancia de Pontevedra e Equipo contra o Crime Organizado- ECO Galicia), a Policía Nacional (Grupo de Resposta Especial ao Crime Organizado- GRECO) e o Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA), integrado na Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira ( DAVA).

O xuíz autorizou este mércores 27 rexistros en vivendas e naves en diferentes partidos xudiciais: Cambados (9), Vilagarcía (5), Salamanca (4), Ribeira (1), Martorell (1), Sant Feliu de Llobregat (1), Barcelona (1), Torrexón de Ardoz (1), Alcobendas (1) e Arganda del Rey (1). 

Ademais, realizáronse dous rexistros en Portugal, para o que foi fundamental a colaboración dos maxistrados da Axencia da Unión Europea para a Cooperación Xudicial Penal ( Eurojust), que realizaron os trámites necesarios para que se executase de forma dilixente a orde europea de investigación ditada polo xulgado de Cambados que permitiu a realización dos rexistros simultaneamente cos de España.. 

Nas entradas e rexistros interviñéronse embarcacións, moldes para fabricar embarcacións, diñeiro en efectivo e outros efectos presuntamente destinados á actividade ilícita. 

O epicentro do operativo foron varios estaleiros da zona de Cambados. Alí foi detido Ramón Bugallo e tamén se rexistraron varios estaleiros, entre eles, un en Castrelo que se dedica a actividade legal de fabricación de embarcacións e os investigadores sospeitan que tamén tería unha actividade ilegal. 

Nestes estaleiros foron intervidos polo menos 20 planadoras, motores de gran cilindrada e todos os elementos utilizados para transportar en terra estas embarcacións e a súa botadura no mar.

Os 18 detidos foron trasladados á Comandancia de Pontevedra e a Comisaría de Vilagarcía de Arousa e está previsto que os arrestados que pasen a disposición xudicial o fagan o venres ante a titular do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados.