Implicación municipal cos bancos de alimentos provincial e de Monte Porreiro

Pontevedra
26 de decembro 2023

O Concello aprobou un convenio de 25.000 euros que garantirá o funcionamento da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, con sede en Pontevedra, e colaborou co Banco de Alimentos de Monte Porreiro para adquirir 115 cestas de Nadal 

Almacén do Banco de Alimentos de Monte Porreiro Banco de Alimentos de Monte Porreiro

En pleno Nadal, unha das épocas do ano na que as iniciativas solidarias proliferan, o Concello de Pontevedra aprobou un convenio que garantirá o funcionamento da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, que ten unha sede en Pontevedra. 

Este convenio implica unha achega de 25.000 euros á Fundación "para garantir o funcionamento do Banco", explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. 

O convenio aprobouse nunha Xunta de Goberno extraordinaria este martes e permite destinar estes fondos a aquelas cuestións que a fundación considera máis importantse. 

"Necesitan da nosa axuda e nós tratamos de proporcionarlla a través desta colaboración", sinalou Fernández Lores.

Ademais, este convenio súmase a unha colaboración municipal ao Banco de Alimentos de Monte Porreiro. Segundo informaron desde esta entidade, hai uns días o Concello aprobou concederlles unha axuda á que están moi agradecidos

A achega municipal permitiulles adquirir 115 cestas de Nadal no Hiperfroiz de Cobián Roffignac que xa se entregaron a todos os usuarios do banco. 

No Banco de Alimentos de Monte Porreiro tamén recibiron nos últimos días unha achega que xa é habitual nestas datas. Os traballadores de Ence poñen en marcha unha iniciativa solidaria pola que cada un compra un xoguete a un neno dunha familia usuaria. Como cada ano, xa lles entregaron os xoguetes demandados polos máis pequenos.