"Igual que non se concibe o Entroido sen comparsas, o mesmo pasa co Nadal, a iluminación crea ambiente"

Pontevedra
01 de decembro 2022

Cinco comerciantes entregaron 700 firmas de propietarios e traballadores de locais comerciais e de hostalería manifestando o seu malestar. "Non vos vou a citar Vigo porque parece que fose a panacea, e tampouco pretendemos igualarnos con Vigo para nada, somos Pontevedra e queremos ter a nosa iluminación como Pontevedra", aclaran

Un grupo de cinco comerciantes entregan 700 sinaturas no Concello Mónica Patxot

Cinco mulleres con comercios na cidade están detrás da campaña iniciada desde o domingo en Pontevedra contra a decisión municipal de atrasar o aceso da iluminación de Nadal ao 16 de decembro e, en tan só tres días, lograron mobilizar a todo o sector da hostalería e o comercio para manifestar ao Concello o seu malestar pola medida. 

As cinco acudiron este xoves ao rexistro municipal e entregaron preto de 700 firmas de propietarios e traballadores de locais comerciais e de hostalería de Pontevedra acompañando un escrito dirixido ao alcalde e a concelleira de Festas, Miguel Anxo Fernández Lores e Carme da Silva.

En primeiro lugar, queren aclarar que non forman parte de ningunha asociación nin partido político, senón que son "comerciantes de a pe reivindicando o que é xusto para a cidade", en palabras de Belén Chacón. 

Rebeca Gómez, outra das impulsoras, explica que o que buscan é trasladar que "cremos que igual que non se concibe o Entroido sen charangas ou sen comparas e sen desfiles, o mesmo pasa co Nadal; a iluminación é súper importante, crea ambiente e fai que a xente se centre un pouco máis na época do ano".

Nos últimos días, ao fío desta polémica, comparouse a Pontevedra co ambicioso investimento de Vigo na iluminación e decoración do Nadal, pero estas comerciantes non son amigas de comparacións. Simplemente, sinalan que "non fai falta ir moi lonxe; se cruzamos a ponte da Barca xa hai luces".

"Non vos vou a citar Vigo porque parece que fose a panacea, e tampouco pretendemos igualarnos con Vigo para nada, somos Pontevedra e queremos ter a nosa iluminación como Pontevedra", aclara Rebeca Gómez.

Estas comerciantes recoñecen que, nestes momentos, un adianto da data de aceso "probablemente sexa imposible", pero quixeron realizar esta campaña de recollida de firmas para "demostrar a unidade do comercio" e para que o Goberno local "coñeza o noso descontento"

Ademais de promover a recollida de firmas, estas comerciantes están tamén detrás doutra iniciativa xurdida nos últimos días, Ilumina Pontevedra, creada "para dar resposta á cantidade de xente e de clientes que querían participar" na recollida de firmas, pero non puideron porque tiña un carácter máis profesional dos sectores do comercio a hostalería.  

A todos eles convídanos a decorar e iluminar escaparates, xanelas, balcóns e fachadas a partir do 5 de decembro para que "se vexa un ambiente do Nadal a pesar do que hai".

E é que estas comerciantes consideran que a falta de iluminación "pola súa debido a que nos inflúe ao consumo negativamente".

"As luces atraen a nenos, a maiores, a persoas que veñen a Vigo por todo o lucerío e que tamén veñen a Pontevedra a vernos", aseguran. 

Marly Carballal chama á poboación para sumarse a Ilumina Pontevedra para "demostrar que isto non é só cousa noso, senón que é toda Pontevedra a que non está dacordo con pospoñer o aceso de luces".