Identifican unha moza por unha pelexa a dentadas na que varias menores resultaron feridas e precisaron puntos

Pontevedra
17 de febreiro 2024

A Policía Nacional identificou unha moza de 18 anos. Tres menores de 15 e 16 anos formalizaron denuncia por unha agresión a dentadas, empuxóns e patadas. Tiveron un primeiro encontrón no recinto feiral e logo un enfrontamento na rúa Sierra sobre as 1.50 horas do domingo. Encerelláronse nunha pelexa na que dúas acabaron no chan

Patrulla da Policía Nacional diante da Comisaría Mónica Patxot

A Policía Nacional identificou unha moza de 18 anos como presunta responsable dunha agresión a varias menores coas que se encerellou nunha pelexa na madrugada do pasado domingo, e ás que provocou importantes feridas que precisaron atención médica e puntos de sutura. 

Nesa madrugada do sábado 10 ao domingo 11 de febreiro, un grupo de mozas tiveron un primeiro encontrón no recinto feiral, zona habitual de celebración do botellón. Pouco despois, cando xa se dirixían cara ao centro histórico para seguir coa festa, produciuse a agresión. 

Foi, en concreto, na rúa Sierra sobre as 1.50 horas do domingo. A suposta agresora e as agredidas coñecíanse de antes e, tras o enfrontamento no recinto, cruzáronse aí e empezou a pelexa. Segundo fontes policiais, encerelláronse nunha pelexa na que dúas delas acabaron no chan. 

Entre todas as persoas implicadas, tan só a agora identificada é maior de idade, sendo o resto mozas de 15 e 16 anos. Tres delas formalizaron denuncia contra a presunta agresora, que explicaron que as atacou a dentadas e tamén con empuxóns, patadas e outro tipo de accións violentas. 

Así, unha delas presenta unha dentada nun xemelgo que lle provocou unha ferida pola que tivo que ser atendida por unha ambulancia e trasladada ao PAC da Parda para recibir asistencia. Outra tenia erosiones e unha ferida no xeonllo e unha terceira presentaba unha dentada nunha perna e dor nunha cadeira polo que tivo que ser trasladada ao Hospital Montecelo. 

A suposta agresora marchou do lugar e foi localizada pouco despois por unha patrulla da Policía Nacional na avenida de Bos Aires. Aí foi identificada e os axentes elaboraron un atestado. 

Segundo indicaron fontes policiais, esta nova e a súa irmá supostamente xa tiveran problemas previos co grupo de menores implicado. Unha das denunciantes sostivo que xa sufrira ameazas e agresións previas por parte desta moza, pero ata o de agora nunca denunciara.

Nas denuncias presentadas tamén ha constancia de danos en teléfonos móbiles. 

As feridas que presentan as vítimas son de gravidade, pero PontevedraViva non as difundirá por ser persoas menores e para non ferir a sensibilidade de ninguén.