Identifican dous furtivos reincidentes con case 20 quilos de ameixa extraída ilegalmente na praia da Ostreira

Poio
07 de decembro 2019

A Policía Local de Poio e os Gardapescas da Confraría de Pontevedra alertan de que, durante estas datas previas ao Nadal, aumentou a actividade ilegal por parte dos furtivos xa que hai máis demanda por parte de restaurantes que mercan marisco de forma ilícita

Ameixa extraída ilegalmente na praia da Ostreira Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio e os Gardapescas da Confraría de Pontevedra desenvolveron un operativo especial de vixilancia durante esta fin de semana contra a actividade furtiva. Desta forma na tarde deste venres 6 de decembro, localizaban a dous furtivos na praia da Ostreira, en Poio, extraendo ilegalmente ameixa.

As persoas identificadas son veciñas de Poio e contan, segundo a Policía Local, con numerosos antecedentes tanto penais como administrativos por actividades relacionadas co furtivismo.

Nesta ocasión recuperáronse un total de 19,5 quilos de ameixa xapónica. 15 destes quilos presentan un tamaño  antirreglamentario para a súa extracción.

Estes delincuentes extraen o molusco en sacos para agochalos en diferentes puntos da costa ou en coches vellos que adquiren para levar a cabo estas accións. Trátase dun grupo organizado, que despois de retirar o marisco e escondelo volven ao lugar para recuperalo e vendelo ilegalmente en bares e en restaurantes.

Segundo explican desde a Policía Local de Poio, durante estas xornadas previas ao Nadal incrementouse a actividade ilegal por parte dos furtivos xa que os restaurantes que compran de forma ilícita demandan unha maior cantidade de produto

Os dous furtivos enfróntanse a unha nova denuncia como presuntos autores dun delito contra a frota e a fauna, que será presentada perante o xulgado, ademais do traslado da infracción administrativa #ante os órganos competentes da Xunta de Galicia para que tamén adopte medidas #ante esta actividade delituosa, que prexudica gravemente ás mariscadoras do fondo da ría de Pontevedra.