Identificadas tres persoas, unha menor de idade, tras roubar en comercios de Benito Corbal e fuxir en coches de alta gama

Pontevedra
04 de febreiro 2022

Axentes da Policía Nacional lograron deter un dos vehículos na avenida María Victoria Moreno arredor das 20.00 horas do xoves e localizaron no maleteiro do BMW unha bolsa con bolsos e prendas que foran subtraídos de diferentes establecementos da milla de ouro como Zara, Bershka ou Bimba y Lola. Os autores son de nacionalidade portuguesa e carecen de antecedentes policiais

Establecemento de Zara, minutos despois do furto, e a zona de carga e descarga onde estaban os vehículos
Establecemento de Zara, minutos despois do furto, e a zona de carga e descarga onde estaban os vehículos PontevedraViva

Tres persoas de nacionalidade portuguesa foron identificadas na tarde do xoves despois de que protagonizaran varias subtraccións en comercios situados na rúa Benito Corbal como Zara, Bershka ou Bimba y Lola.

Ao redor das 19.30 horas, os presuntos delincuentes saían á carreira, segundo testemuñas presenciais, do establecemento de Zara situado entre Benito Corbal e Sagasta. Levaban pezas de roupa ás que retiraran a alarma para subirse a dous vehículos de alta gama que se atopaban estacionados na zona de carga e descarga situada na rúa Sagasta. 

O garda de seguridade de Zara logrou facerse con dúas pezas que pretendían levar no momento da fuxida, pero non puido evitar que se subisen aos vehículos, que rapidamente iniciaban a súa marcha ao longo de Sagasta e, en dirección á avenida de Vigo.

Varias dotacións da Policía Nacional de Pontevedra foron alertadas e saíron na súa persecución. Lograban interceptar un dos dous vehículos utilizados polos ladróns á altura da avenida María Victoria Moreno no cruzamento coa avenida de Vigo arredor das 20.00 horas. Tratábase dun BMW de alta gama e no seu maleteiro levaba unha bolsa con diferentes pezas de roupa e con bolsos.

Comprobaron que se trataba dunha muller de 49 anos, un mozo de 20 anos e un menor de idade, todos de nacionalidade portuguesa e sen antecedentes penais. Foron identificados e quedaron en liberdade, segundo informan desde a Policía Nacional de Pontevedra. O outro vehículo non foi localizado.