Identificada unha persoa por realizar graffitis nun establecemento comercial da cidade

Pontevedra
14 de febreiro 2024

A Policía Local de Pontevedra identificou esta semana a un individuo, nado en 1983, realizando un graffiti na persiana de peche dun establecemento da rúa Michelena

Identificada unha persoa por realizar graffitis nun establecemento comercial da cidade PontevedraViva

A Policía Local de Pontevedra identificou esta semana a un individuo, nado en 1983, realizando un graffiti na persiana de peche dun establecemento da rúa Michelena.

Segundo informan fontes oficiais do Concello de Pontevedra, era sobre a unha da madrugada cando a Policía recibiu unha chamada advertindo de que unha persoa estaba a realizar unha pintada. Cando chegaron os axentes atoparon ao home con dous sprays e coas mans manchadas de pintura.

A persoa recoñeceu que el era o autor e tiña o permiso do responsable do local, a que identificou como unha muller de 65 anos e de gafas. Dixo que estaba a facer o graffiti para tapar outras pintadas que estaban por debaixo. A pintada era a palabra "KAOS". De feito, manifestou que algúns locais lle pagan para que faga o mesmo noutros lugares.

A policía identificou ao individuo que non ten domicilio fixo xa que durme na rúa. Advertiulle que ía facer pescudas para saber se conta coa autorización dos donos e, de non ser o caso, e en función da reparación, o dano podería ser constitutivo de delito.

Ao tempo, os axentes realizaron unha supervisión de varios espazos do centro histórico onde puideron comprar que a palabra "KAOS" estaba nun establecemento da rúa Don Gonzalo e outro da contorna do mercado de abastos. A Policía Local puido confirmar que non contaba coa autorización dos donos dos locais e notificou os feitos á Nacional.