Humor e cor no inicio das Festas de San Roque en Vilagarcía

O Salnés
15 de agosto 2024

O escritor e xornalista Alberto Avendaño foi o encargado de dar o pregón, con moito humor, dende o balcón da casa consistorial, onde compartiu a súa experiencia de vida e o seu regreso á vila tras trinta anos en Estados Unidos. Este xoves haberá concertos e espectáculos con Cruceros Manzanares, The Eskarallas e Festicultores Troupe

O escritor Alberto Avendaño foi o pregoeiro das Festas de San Roque 2024 Concello de Vilagarcía de Arousa

Este mércores 14 de agosto arrancaron as Festas de San Roque en Vilagarcía de Arousa, marcando o inicio dunha semana chea de actividades e celebracións.

O escritor e xornalista Alberto Avendaño foi o encargado de dar o pregón, con moito humor, dende o balcón da casa consistorial, onde compartiu a súa experiencia de vida e o seu regreso á vila tras trinta anos en Estados Unidos: "Deixei o poder de Washington polo querer de Arousa", afirmou Avendaño, quen expresou a súa felicidade por estar de volta na súa terra natal, destacando que "sempre acabamos chegando a onde nos esperan".

Logo do pregón, a comitiva, acompañada pola Banda de Música de Vilagarcía, desfilou polas rúas da cidade ata a Praza de España, onde se realizou a tradicional ofrenda floral ao Santo patrón.

O programa continúa este xoves 15 de agosto cunha oferta musical variada na Praza de Galicia.

Ás 20:00 horas, o proxecto Cruceros Manzanares, liderado pola artista vilagarciá Enma Castañeiras, ofrecerá un concerto cheo de nostalxia cos ritmos dos setenta e oitenta.

A xornada musical culminará coas actuacións de The Eskarallas ás 22:30 horas, e o divertido percorrido polos rúas da cidade coa Festicultores Troupe ás 23:30 horas.

Mañá, venres 16 de agosto, a celebración alcanzará o seu punto álxido coa popular Festa da Auga, que dará comezo ás 12:00 horas.