Hostelería de Pontevedra pide á Xunta que non prorrogue o certificado covid para o consumo en interiores

Pontevedra
10 de febreiro 2022

A xunta directiva de Hostelería de Pontevedra trasladou á Consellería de Sanidade a súa preocupación ante a posibilidade de que se manteñan unhas medidas que continúan, segundo afirman, situando ao sector no foco do problema sanitario

Clientes consumindo nas terrazas da hostalería de Pontevedra Mónica Patxot

A esixencia de verificación por parte dos establecementos hostaleiros do certificado covid, acordada pola Xunta de Galicia o 29 de xaneiro, finalizará o sábado 12. A xunta directiva de Hostelería de Pontevedra trasladou xa á Consellería de Sanidade, da Xunta de Galicia, a súa preocupación ante a posibilidade de que se prorroguen esas medidas.

Entenden que, se hai prórroga, continuaría situándose ao sector hostaleiro no foco do problema sanitario. Aseguran que os establecementos manteñen restricións relativas ao horario, agrupacións de clientes, separacións de mesas e localización dos elementos, cuestións que  impidien explotar a actividade económica ao 100% das súas capacidades, segundo expoñen nun comunicado.

Por este motivo, alegan que os especialistas do Relatorio de Alertas do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde afirman que a medida de solicitar o certificado covid carece de efecto na redución da transmisión do virus e para estes locais supón unha sobrecarga de traballo nas pequenas e medianas empresas.

Lembran que noutras comunidades autónomas non está vixente este certificado ao retiralo recentemente. É o caso de País Vasco, Asturias, Cantabria e Cataluña. Tamén engaden que Madrid, Estremadura, Castela e León e Castela-A Mancha nunca o aplicaron.