Homenaxe floral na Ferrería da Marea Galeguista ás vítimas da violencia machista

Pontevedra
09 de xullo 2020

A cabeza de lista por Pontevedra da Marea Galeguista, Peque González, e outras compoñentes da candidatura pola provincia, realizaron este xoves este acto empregando margaridas como representación das mulleres asasinadas por homes advertindo que  "na nova normalidade non podemos permitirnos máis asasinatos machistas"

Acto de homenaxe ás vítimas da violencia machista realizado por Marea Galeguista Mónica Patxot

Peque González, cabeza de lista por Pontevedra da Marea Galeguista, acompañada por outras integrantes da candidatura da agrupación ás eleccións ao Parlamento de Galicia, protagonizaban este xoves na  Praza da Ferrería un acto para homenaxear a aquelas mulleres que sofren a violencia machista.

O acto consistiu na colocación de margaridas sobre o chan como simboloxía das mulleres que foron asasinadas por homes. Neste sentido, Peque González lembraba que desde que está recoñecido como delito, máis de mil mulleres foron asasinadas no Estado español e o problema continúa. 

Desde Maréaa Galeguista entenden que a educación e o investimento real en políticas que destaquen a importancia das mulleres en todos os ámbitos sociais, sobre todo no laboral e no dos coidados, é imprescindible para alcanzar unha sociedade igualitaria onde "os homes deixen de considerarnos obxectos da súa propiedade"

Peque González afirma que na nova normalidade na que se atopa a sociedade non se pode permitir máis asasinatos machistas e lembrou que estamos nunha situación de emerxencia que se agravou durante o confinamento. 

Por este motivo, desde Marea Galeguista reclama unha fronte común para poñer fin aos feminicidios porque supón a maior vulneración dos dereitos humanos das mulleres. E pide que as administracións destinen máis recursos para os servizos públicos e mellórese o incremento da rede de centros de acollida en Galicia.

A agrupación aposta por cambiar o imaxinario simbólico patriarcal para avanzar cara a unha sociedade libre de violencias machistas, de forma que as mulleres poidan gozar plenamente dos seus dereitos, un indicador da calidade dunha democracia, apuntou Peque González, que mantén a necesidade de buscar outro modelo de sociedade, que creza de maneira igualitaria.

A candidata pola provincia cre necesaria a creación de mecanismos institucionais como a Valedoría da Igualdade, que garanta a participación das mulleres en ámbitos como a política e na representación equitativa en todos os sectores sociais e económicos.