Homenaxe en Aguasantas ao canteiro e escultor 'Pepe da Pena'

Cerdedo-Cotobade
16 de xullo 2024

Farase unha ofrenda floral no seu panteón, descubrirase unha placa conmemorativa na súa casa de A Pena e exhibiranse varios deseños e documentación deste artista dos séculos XIX e XX

Presentación da homenaxe a José Cerviño, 'Pepe da Pena' Concello de Cerdedo-Cotobade

Aguasantas acollerá o vindeiro sábado 20 de xullo unha homenaxe a José Cerviño, 'Pepe da Pena', escultor e canteiro dos sigles XIX e XX e ao que se lle atribúen entre outros traballos os cruceiros de Hío e Covelo.

A homenaxe, que foi presentada este martes, está promovida polo Coordinadora Pro-homenaxe a José Cerviño, pola Asociación de Veciños Penelas e polo Concello de Cerdedo-Cotobade.

En concreto, explicaron os responsables, ás 11.00 horas está prevista unha ofrenda floral diante do panteón de José Cerviño no cementario parroquial de Aguasantas, ao que asistirán familiares do artista, representantes da Coordinadora e persoas da esfera cultural e veciñal do municipio.

A comitiva trasladarase despois ao barrio da Pena, onde se descubrirá ás 12.00 horas na casa natal de Pepe da Pena unha placa conmemorativa e realizarase unha pequena descrición sobre a súa vida e obra.

A xornada complementarase cunha exposición de documentos e pezas escultóricas do mestre José Cerviño e a actuación dun grupo de gaitas e fogos de artificio, ademais de cun aperitivo para os presentes no Local Social de Aguasantas.

En definitiva para o alcalde, Jorge Cubela, unha merecida homenaxe "a un home que co seu talento foi quen de elevar ao máis alto o prestixio dos nosos canteiros e transmitir coa súa obra a esperitualidade e emotividade do pobo galego".