Homenaxe aos gardas civís que loitaron contra o lume: "Teníamos la sensación de que estaban bombardeando la provincia"

Pontevedra
20 de outubro 2017

Na xornada negra do domingo implicáronse no operativo 680 axentes de Pontevedra, entre eles, moitos que estaban de baixa, vacacións e francos de servizo. O responsable da Comandancia describe unha xornada "tremenda": "Teníamos multitud de escenarios, muy cambiantes, iban evolucionando de una forma muy rápida, llegamos a tener vías muy importantes cortadas..."

Agradecemento oficial aos gardas civís que actuaron durante a vaga de incendios forestais Mónica Patxot

Un inferno. É a descrición que máis se repite entre quen na última semana viviu de preto a vaga de incendios que arrasou 35.500 hectáreas de superficie en Galicia. Este venres reiteraron a definición os axentes da Garda Civil que, dunha maneira ou outra, se viron implicados na loita contra o lume.

Na xornada negra do domingo 15 implicáronse no operativo un total de 680 axentes de Pontevedra, entre eles, moitos que estaban de baixa, vacacións e francos de servizo. Todos se incorporaron a axudar para atender á poboación, o tráfico e, en moitos casos, para combater directamente as lapas e coordinaron a evacuación de 1.700 personas en toda a provincia.

O tenente coronel Manuel Touceda, xefe provisional da Comandancia de Pontevedra, e a subdelegada do Goberno na provincia, Ana María Ortiz, reuníronse este venres cunha ampla representación deses axentes para agradecerlles o seu esfuezo e dedicación en momentos tan dramáticos

O responsable dos axentes explicou aos medios que esta vaga de incendios é "de las situaciones más complicadas profesionalmente" ás que se enfrontou, en especial a xornada do domingo, que foi "tremendo". Durante a tarde,"teníamos la sensación de que estaban bombardeando la provincia", pois "teníamos multitud de escenarios, muy cambiantes, iban evolucionando de una forma muy rápida, llegamos a tener vías muy importantes cortadas...".

A súa descrición non pode ser máis gráfica. Algunhas das situacións máis complicadas vivíronse a estrada AG-57 e a autovía das Rías Baixas, A-52, na que o túnel da Cañiza se atascou e logrou desconxestionarse grazas á intervención de dous gardas civís francos de servizo que estaban no atasco e decidiron actuar, romper un obstáculo da mediana e permitir que se reabrise a circulación. 

O punto negro, de todos os xeitos, estivo na aldea de Chandebrito, en Nigrán, unha poboación na que todos os veciños e 16 policías quedaron cercados polas lapas e finalmente dúas veciñas morreron calcinadas na súa furgoneta. Foi "la situación más angustiosa" porque sabían que se estaba estendendo o lume e a poboación estaba illada e un dos gardas tentou chegar ata alí con dúas motobombas e falloulle a tracción.

O tenente coronel mantén que  "es más fácil decir dónde no pasaban las cosas que dónde pasaban", co lume sementado por toda a provincia. Por iso é polo que non teña suficientes palabras de agradecemento para os axentes, pois "lo mejor de todo esto, si tiene algo bueno, es la actitud de los guardias". Todas as unidades da Comandancia se implicaron, desde Tráfico ao Seprona ou mesmo o servizo marítimo, que atracou a súa embarcación e púxose a extinguir incendios. O servizo de desactivación de explosivos tivo que realizar unha perigosa intervención ao desaloxar unha canteira de Pazos de Borbén con 60 quilos de pólvora e máis de mil metros de cinto explosivo

En Baiona o propio cuartel viuse cercado polas chamas. Finalmente os danos foron menores, coas cámaras de seguridade afectadas, pero chegou un momento no que "pensábamos que podíamos perder el cuartel". O perigo atallouse grazas á axuda veciñal, coa participación mesmo de xente que detiveran con anterioridade e que lles axudou na loita contra o lume. 

AS CAUSAS DA TRAXEDIA

O responsable da Comandancia sostén que a situación empezou a complicarse cando saltou o lume desde Portugal pola zona das Neves, pero, en xeral, todo foi complicado porque "ese día se juntó todo", desde lumes intencionados a outros causados por imprudencias ou aqueles provocados polo típico efecto espello, onde  "el pirómano al ver arder el fuego vuelve a prender".

A Policía Xudicial mantén aberta unha investigación con varias liñas de traballo. Unha delas céntrase na presenza dun grupo organizado que actuou por Pazos de Borbén, pois alí detectáronse nove focos nun período de 20 minutos e "pensamos que es muy difícil que una persona pueda hacer eso". 

O tenente coronel coordinou todo o operativo desde o Centro Operativo Complexo da Comandancia, onde había catro operadores de tráfico e oito de seguridade cidadá para xestionar todas as chamadas de alerta e chegou a desprazarse o xeneral de zona da Garda Civil de Galicia, Ángel Alonso Miranda. Estivo en permanente contacto coa  subdelegada do Goberno, que este venres agradeceu a todos os axentes "el excelentísimo trabajo que hicieron".

"El uniforme lo llevan con profesionalidad, con dedicación, no tengo ni adjetivos para trasladar todo lo que siento en estos momentos...", indicou Ana Ortiz, convencida de que "si no fuera por la labor que han desarrollado hubiera sido mucho peor" e o balance de catro falecidos rexistrado sería maior. 

Arquivado en