Homenaxe a Bóveda na Caeira "é tempo de reivindicar, non de celebrar"

Poio
17 de agosto 2022

Este mércores no que se celebra o Día da Galiza Mártir, autoridades políticas, representantes de colectivos e familiares participaron no tradicional acto de homenaxe á figura de Alexandre Bóveda, no monolito da Caeira moi preto de onde foi fusilado hai 86 anos de quen está considerado un dos pais do galeguismo

Acto de homenaxe a Alexandre Bóveda, no Día da Galiza Mártir EFE / Salvador Sas

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón reivindicou "manter viva" a memoria e as "ideas avanzadas" de Alexandre Bóveda nas que reclamaba "que Galiza tivera un financiamento propio". 

Polo que a líder do Bloque asegurou que "hoxe tamén é necesario defender un novo modelo de financiamento para Galiza que nos permita ter a chave dos nosos cartos" para poder invertilos en reforzar a Sanidade e os servizos públicos ou en "facerlle fronte a esta grave crise de prezos".

Este mércores no que se celebra o Día da Galiza Mártir, Ana Pontón participou xunto ás autoridades políticas, representantes de colectivos e familiares no tradicional acto de homenaxe á figura de Alexandre Bóveda, no monolito da Caeira moi preto de onde foi fusilado hai 86 anos de quen está considerado un dos pais do galeguismo.

"O BNG actualizado non deixa de ser a obra coa que soñou Bóveda: ese partido galeguista do século XXI", afirmou Pontón que pediu que a Xunta conmemore de maneira oficial este día. "Un goberno do BNG poñerá fin a todos estos anos de desprezo e de maltrato a todas estas figuras como Alexandre Bóveda", prometeu.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, presidiu un acto que estivo cargado de emotividade e que contou cun gran número de asistentes.

A Fundación Alexandre Bóveda recuperou a entrega do Premio Galiza Mártir, que este ano foi outorgado aos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro ‘Meirás: un Pazo, un caudillo, un expolio’. Editado no ano 2017 por Galiza Sempre, a obra dos escritores sadenses fai un repaso á historia deste histórico inmoble e a maneira na que acabou pasando a mans da familia Franco. Ambos agradeceron o galardón, que foi entregado polo alcalde Sobral e por Amalia Bóveda, filla do histórico político local. "Supón un grato recoñecemento,  dentro dos retos que aínda quedan por completar sobre o Pazo de Meirás",  indicaron. 

A encargada de inaugurar o acto foi a concelleira de Memoria Histórica, a nacionalista Marga Caldas, que salientou "o patriotismo e o compromiso co país de Alexandre Bóveda" e fixo especial énfase na importancia de que "non caian no esquecemento todas as mulleres mártires que foron vexadas e represaliadas na Guerra Civil e durante o fraquismo".  

A concelleira do BNG deixou claro,  asemade, que "é tempo de reivindicar,  non de celebrar"  e incidiu na necesidade de seguir loitando para que o Día da Galiza Mártir se institucionalice.

Posteriormente, tomaron a palabra os representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixa e David Otero, que sinalaron que Bóveda "é o nome propio do noso país",  unha figura "que coa súa valentía e peso intelectual fixo posible o galeguismo e o Estatuto de Autonomía" . 

Antes da entrega do premio Galiza Mártir produciuse unha emotiva intervención a cargo de Amalia, a filla de Bóveda, que quixo salientar "os valores de meu pai e de tantos e tantas mártires,  que loitaron por construir unha sociedade baseada nos dereitos de todos e todas" . 

O encontro pechouse coa tradicional ofrenda floral, a cargo das autoridades, e coa interpretación do himno de Galicia, a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio.