Durante este martes, e con motivo dos vinte anos que cumpre a Feira Franca, celebrouse en O Lampán dos xudeus, na praza de Santa María, un acto homenaxe aos impulsores desta festa. No acto estaban o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva.
Nun primeiro lugar, o alcalde, quixo destacar o papel de Juan Juega, asesor fundamental da Feira Franca "que soubo establecer unha base histórica e cimentada e difundila con rigor e respecto histórico", explicou. O historiador recibiu o recoñecemento a título póstumo e representouno a súa viúva, Pilar Rosales.
Tamén recalcou que esta homenaxe é un acto de agradecemento e de felicitación a toda a cidadanía pontevedresa, entre os que se atopan Natividad Barreiro e Antonio Alfonsín.
Defensores da Feira Franca a través da súa participación activa durante os 20 anos de celebración, foron recoñecidos por Lores: "representades o modelo que nos propuxemos acadar cando deseñamos unha celebración participativa e colectiva", engadiu.
Así mesmo, destacou o beneficio que ocasiona esta festa á hostalería, mercerías, casas de costura e tendas de tecidos, ademais do incremento no número de persoas que, ano tras ano, achéganse a Pontevedra ese primeiro sábado de setembro.
É por iso, que entre os homenaxeados tamén se atopaba a Asociación Recriativa de Xeve, encargada de realizar o tradicional desfile do transporte do viño desde a primeira edición da Feira Franca cando, segundo explicaba o alcalde, comezaron sendo ao redor dunha ducia de persoas na primeira edición e xa suman preto dun centenar nos últimos anos.
Por último, o alcalde concluíu con que "Pontevedra volve ser hoxe, no ano 2019, unha cidade referencia en varios aspectos, sendo un dos máis significativos o da recuperación dos espazos públicos" coa Feira Franca como unha das primeiras manifestacións para esta recuperación.