Os 300 traballadores, maioritariamente mulleres, que conformaban o equipo de persoal de Hiperxel resultan afectados por un ERE de extinción da empresa e quedarán sen traballo polo peche destes establecementos, segundo informa Jorge Garnelo no Faro de Vigo.
A finais de abril, esta entidade presentaba un concurso voluntario de acredores no Xulgado do Mercantil número 3 de Vigo, debido á crítica situación económica que mantiña a entidade durante os últimos meses con problemas na subministración e sumando catro meses de débeda de salarios ao persoal.
As dificultades afloraron desde o verán de 2021 cando Vinova Group adquiría Xeldist Conxelados SLU, empresa matriz de Hiperxel. A partir dese momento, o produto das tendas diminuíu de calidade. En outubro de 2022, Free Admision SL facíase cargo da empresa e, desde mediados de 2022, descendeu notablemente a oferta de materiais nas tendas da cadea de conxelados.
O 24 de abril, o persoal iniciaba unha folga ante os problemas de pagos que estaban a sufrir. Actualmente, Hiperxel contaba con tres establecementos situados no municipio de Pontevedra e un almacén de venda en Poio.