Hifas da Terra, unha empresa punteira nun sector "estratéxico" para Galicia

Pontevedra
08 de abril 2016

Unha clase de microbioloxía da USC é o xerme dunha das empresas pontevedresas máis recoñecidas na actualidade: Hifas da Terra. Creada hai 17 anos pola bióloga Catalina Fernández de Ana, este proxecto emprendedor dedicado á micoloxía é unha compañía punteira nun sector, o biotecnolóxico, que para Alberto Núñez Feijóo é xa "estratéxico" para o país e polo que a Xunta vai apostar forte no futuro

Visita de Alberto Núñez Feijóo á empresa Hifas da Terra Mónica Patxot

Unha clase de microbioloxía da USC é o xerme dunha das empresas pontevedresas máis recoñecidas na actualidade: Hifas da Terra. Creada hai 17 anos pola bióloga Catalina Fernández de Ana, este proxecto emprendedor dedicado á micoloxía é unha compañía punteira nun sector, o biotecnolóxico, que para a Xunta é xa "estratéxico" para o país e polo que vai apostar forte no futuro.

Así o sinalou Alberto Núñez Feijóo durante a visita que realizou na tarde do xoves ás instalacións que Hifas da Terra ten en Bora.

Alí comprobou o traballo que esta empresa realiza a través de varias liñas de negocio firmemente consolidadas, que van desde a alimentación ou os cultivos de plantas forestais, fungos e cogomelos ata a aplicación destes produtos en campos como a cosmética ou a biomedicina aplicada ao ámbito oncolóxico.

Durante o seu percorrido pola empresa, no que tamén participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou o delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, Núñez Feijóo fixo fincapé na importancia que ten a formación e a innovación para impulsar proxectos como o de Hifas da Terra que "soubo combinar o produto galego coa innovación precisa para aproveitar as potencialidades da materia prima".

Feijóo lembrou que son varios os premios que recibiu este proceso de crecemento sustentable, baseado no I+D+i e a diversificación, e mostrouse convencido de que "serán moitos máis os que vai acadar nun futuro próximo".

Hifas da Terra, cuxas instalacións ocupan sete hectáreas da leira coñecida como A Quinta das Cabadas (Bora), conta actualmente cun valor de marca de máis de 10 millóns de euros e logrou triplicar a súa facturación no últimos tres anos.

Ten máis de sesenta persoas implicadas neste proxecto e exporta os seus produtos a países tan dispares como Francia, Portugal, Italia, Suíza, Reino Unido ou China.

Desde a súa creación a compañía logrou ademais numerosos recoñecementos pola súa aposta polo desenvolvemento sustentable do medio rural, xerando valor engadido ao redor da micoloxía. 

Fíxoo fomentando, sinalan desde a empresa, o labor dos seus propios investigadores e o coidado e o mantemento do bosque autóctono galego, especialmente a través da recuperación do castiñeiro.