O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lóres, acompañado polo concelleiro Demetrio Gómez, destacou o éxito da apertura da Feira Franca, agradecendo o traballo de todos os implicados e a enorme participación dos veciños.
"É un día para gozar. Saíu un día espléndido, está todo o mundo na rúa", indicou o rexedor, quen aproveitou para valorar "o traballo inmenso da xente" especialmente onte á noite, cando a inauguración da festa, a cargo da empresa pontevedresa Pablo Méndez Performances, se viu afectada pola choiva.
"Foi impresionante, nunca vin tanta xente na Praza da Ferrería", comentou o alcalde. "O que máis me emocionou foi que cando choveu, a xente se quedou por se había un segundo intento. É unha pena que o traballo de meses non puidera expoñerse na súa totalidade, pero emocionoume ver á xente ata as once da noite, a ver se se facía", engadiu.
En todo caso, está claro que "hai Feira Franca!" e a xente ten que gozar. "A participación de todo o mundo é incrible. Se non houbera unha participación activa dos veciños e veciñas de Pontevedra, da súa comarca e das asociacións, non sería posible", explicou.
Pola súa banda, o concelleiro Demetrio Gómez convidou a toda a cidadanía a unirse á celebración. "Convidamos a todas as pontevedresas e pontevedreses a gozar desta festa. Para que todo saia ben hai moita xente traballando. A pasada noite foi complexa, con retrasos nos traballos de montaxe, pero ao final todo estivo listo para desfrutar a tempo", afirmaba o responsable de Festas.
Agora, o obxectivo é gozar da intensa programación da Feira Franca "ata que o corpo aguante".