Hai 120 pacientes na área sanitaria de Pontevedra diagnosticados con colanxite biliar primaria

Pontevedra
09 de setembro 2022

O servizo de Dixestivo do Complexo pontevedrés participa na investigación de novos fármacos para esta doenza, así como de medicación que mellore a calidade de vida dos pacientes

Indhira Pérez Medrano, hepatóloga do Servizo de Dixestivo Sergas

O vindeiro domingo, 11 de setembro, conmemórase o Día Mundial da Colanxite Biliar Primaria, antes chamada cirrosis biliar primaria, unha enfermidade crónica rara que afecta maioritariamente ás mulleres e que conta cuns 120 diagnósticos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, cifra que podería ser maior debido ao baixo diagnóstico desta enfermidade, por ser asintomática nos seus primeiros estadios.

Malia non coñecerse a súa orixe, estímase que é unha doenza autoinmune, que destrúe progresivamente os condutos biliares do fígado e que pode ser potencialmente mortal, aínda que adoita pasar desapercibida, por non presentar síntomas inicialmente. De feito, os máis comúns, coma o prurito en todo o corpo, o cansanzo, a sequedade nos ollos e a boca ou a dor abdominal aparecen en estadios máis avanzados da colanxite biliar primaria, cando o fígado xa está danado. 

A doutora Indhira Pérez Medrano, hepatóloga do servizo de Dixestivo do complexo hospitalario pontevedrés, sinala que "actualmente trátase dunha enfermidade infradiagnosticada; de feito, os novos casos soen detectarse tras unha analítica".

Co obxectivo de coñecer a magnitude da colanxite biliar primaria en toda Galicia, este servizo de Dixestivo colabora con outros centros galegos, poñendo en marcha unha busca activa de novos pacientes, así como un rexistro dos xa diagnosticados, o que favorecerá o seguimento de casos desta doenza rara nos vindeiros anos. 

"Estamos interesados en coñecer a incidencia da colanxite biliar primaria na comunidade autónoma, xa que temos a percepción de que existe un maior número de casos ca noutras zonas de España", indica Pérez Medrano.

No Hospital Montecelo particípase na actualidade en varios ensaios clínicos que buscan ofrecer mellores alternativas para as persoas con colanxite biliar primaria e mellorar a súa calidade de vida.

"Aínda que hai medicación que responde correctamente na meirande parte dos casos, estamos a colaborar na busca de tratamentos máis efectivos contra a doenza en si; pero tamén contra certos síntomas da mesma, como o proído ou o cansanzo, para os que aínda non hai remedios eficaces", informa a doutora. 

Dende o servizo de Dixestivo do complexo pontevedrés incídese na importancia de fomentar o coñecemento desta condición para reducir o estigma que sofren os afectados e acelerar os diagnósticos.