Habilitarán un aparcamento disuasorio en Valiña, no núcleo de San Salvador

Poio
04 de novembro 2021

Ata 150 vehículos poderán estacionar no futuro aparcamento disuasorio que o goberno municipal de Poio prevé habilitar nunha parcela duns 2.000 metros cadrados en Valiña, un dos principais núcleos da parroquia de San Salvador

Parcela en Valiña que acollerá o aparcamento disuasorio Concello de Poio

Ata 150 vehículos poderán estacionar no futuro aparcamento disuasorio que o goberno municipal de Poio prevé habilitar nunha parcela duns 2.000 metros cadrados en Valiña, un dos principais núcleos da parroquia de San Salvador.

Os propietarios dos terreos van a cedelos ao Concello mentres non se acomete a urbanización da parcela, que aparece definida no PXOM como solo urbano non consolidado.

Este proxecto de urbanización contempla a dotación de zonas verdes de novos viais nesa zona e cando se execute, defende o edil de Urbanismo, Gregorio Agís, "seguirá habendo espazos suficientes para os vehículos".

O concelleiro socialista entende que esta parcela ofrecerá unha "cobertura suficiente" para poder dar resposta á demanda de aparcadoiros existentes nesa zona. Agarda que o estacionamento poida abrirse "en pouco tempo" tras completar os trámites burocráticos.

A dotación deste aparcadoiro disuasorio súmase ao habilitado xa hai varios meses tamén en San Salvador, concretamente en Camiño das Bocas. Alí, o Concello conseguiu unha cesión e arrombou unha parcela con capacidade para acoller a máis de 200 vehículos.

Trátase dun emprazamento estratéxico, xa que se atopa nas proximidades da Galiña Azul, o Quirón-Salud ou o parque de Ánkar, onde tamén hai varias prazas para aparcar.

Unha vez que Valiña estea listo, o núcleo da parroquia de San Salvador contará con preto de 400 novos espazos para estacionar, destacan desde o goberno municipal.

O PP PEDIRA SOLUCIÓNS AOS PROBLEMAS DE ESTACIONAMENTO

No mesmo día que o Concello anunciou esta actuación, desde o PP de Poio pediron "solucións urxentes" aos problemas de estacionamento nas rúas Valiña e Benigno Esperón.

Entre os veciños, segundo Ángel Moldes, hai un "forte malestar" polo incremento de multas e sancións mentres se reducen as prazas de aparcamento, chegando a presentar máis de 1.000 firmas solicitando a creación de estacionamentos na zona.

"Despois de 26 anos no goberno e moitas promesas, a única aportación que fixeron foi colocar sinais de prohibido aparcar, e na maioría dos casos, sen previo aviso", explicou Moldes.