A partir deste sábado 31 de xullo e ata o 31 de agosto, a Sala Nauta do Porto Deportivo de Sanxenxo contará cun punto de test covid para dar facilidades no acceso seguro á hostalería.
Este proxecto ponse en marcha, segundo anuncia o goberno local de Sanxenxo, en coordinación co centro sanitario E- Saúde e as probas realizaranse todos os días da semana en dúas quendas: de 12.00 a 16.00 horas, e de 19.00 a 23.00 horas. Este servizo contará tamén cun punto de realización de probas PCR.
Persoal de enfermería encargarase de realizar as mostras para elaborar o test de antíxenos. O prezo establecido é de 10 euros e o resultado da proba coñecerase de inmediato. Se é negativo, emitirase un certificado para poder acudir aos locais de restauración da vila no caso de que se queira acceder ao interior. Ese documento terá validez durante 48 horas.
Este tipo de informes son necesarios, en caso de non dispoñer de xustificante médico de pasar a enfermidade durante o últimos seis meses ou dun certificado de vacinación, para poder acceder a locais naqueles municipios con restricións a nivel máximo como é o caso de Sanxenxo.
Ademais, os resultados das probas, tanto positivos como negativos, trasladaranse ao Servizo Galego de Saúde de forma automática para que se realicen rastreos para evitar contagios e activar protocolos nos casos positivos.
A Sala Nauta contará cunha zona de entrada e outra de saída para evitar aglomeracións. O acceso limitarase a unha persoa por proba e só admitirase un acompañante no caso de que a persoa que queira realizarse o test sexa menor ou dependente.