Habilitadas 50 novas prazas de estacionamento no Covelo, en Samieira

Poio
19 de xullo 2024

Xa está habilitado un novo aparcamento disuasorio a disposición de veciños e visitantes con acceso desde a rúa Peirao do Covelo e ubicado nun lugar "estratéxico": a carón da PO-308 e nunha área de alta densidade poboacional e gran interese turístico, a poucos metros das praias e da Senda do Laño

Aparcadoiro disuasorio en Covelo Concello de Poio

O Concello de Poio vén de habilitar un novo aparcamento disuasorio no Covelo, na parroquia de Samieira, con capacidade para preto de 50 vehículos.

O goberno local chegou a un acordo cos propietarios desta parcela, de algo máis de 1.100 metros cadrados de superficie, para poñer a disposición da veciñanza e dos visitantes medio centenar de prazas de estacionamento libre e gratuíto cun máximo de 24 horas continuadas, para garantir a rotación.

O novo aparcamento ten acceso desde a rúa Peirao do Covelo e atópase nunha ubicación estratéxica, xa que está situado xunto a unha vía de moito tránsito, a PO-308, e nunha área de alta densidade de poboación e de gran interese turístico.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Urbanismo e Turismo, Rocío Cochón, comprobaron sobre o terreo o resultado das actuacións, e coincidiron en que a dotación de estacionamento é un importante impulso á mobilidade e á actividade desta zona.

Así, o novo estacionamento está pegado á praia Area da Barca e sitúase a menos de 500 metros do Peirao do Covelo e da popular Senda do Laño, un itinerario moi popular entre veciños e visitantes galardoado por primeira vez este ano co distintivo “Sendeiro Azul” da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).