Haberá un sistema de cita previa para o rexistro e o padrón tras o seu regreso a Michelena 30

Pontevedra
29 de xullo 2020

Tras a apertura ao público do novo edificio municipal de Ferreiros, a onde se trasladaron os servizos de urbanismo e xestión tributaria, o 'segundo paso' do Concello de Pontevedra para modernizar fisicamente as súas dependencias é inminente

Obras de rehabilitación da planta baixa de Michelena 30 Mónica Patxot

Tras a apertura ao público do novo edificio municipal de Ferreiros, a onde se trasladaron os servizos de urbanismo e xestión tributaria, o 'segundo paso' do Concello de Pontevedra para modernizar fisicamente as súas dependencias é inminente.

As obras da planta baixa de Michelena 30 están a piques de terminarse. Alí regresarán, tras o seu traslado temporal á Casa da Luz, tanto o rexistro como o padrón. A mudanza destes dous servizos realizarase na segunda quincena de agosto.

Esta planta baixa, ademais do rexistro e o padrón, contará tamén cun servizo de información á cidadanía. En total, haberá doce funcionarios atendendo ao público, que contarán con postos de traballo individuais.

Para evitar aglomeracións implantarase ademais un servizo de cita previa e haberá unha área de espera na entrada para que os cidadáns poidan manter o distanciamento social.

A edil de Persoal, Carmen Fouces, explicou que esta remodelación do edificio municipal de Michelena 30 formaba parte dunha planificación "a catro anos", pero o Concello tivo que "pisar o acelerador" como consecuencia da pandemia da COVID-19.

Así, o obxectivo desta reforma -deseñada por Nan Arquitectos e executada por Dapercons- era adaptar os postos de traballo á nova normativa sanitaria e garantir a seguridade das persoas que acoden a estas instalacións para realizar algún trámite.

"Son unhas instalacións modernas, actuais, funcionais, depuradas, perfectamente deseñadas e nas que o espazo está moi ben pensado", sinalou Fouces, que destacou que haberá "un antes e un despois" na atención ao público.

A maiores, colocaranse adhesivos no chan para sinalizar os fluxos de circulación ou o número máximo de persoas que poden coincidir no interior do inmoble.

Haberá ademais unha entrada exclusiva para os cidadáns que acudan ao rexistro ou ao padrón e habilitarase un segundo acceso, a través dunha porta lateral, para subir ao resto de plantas do inmoble, onde os cidadáns só poderán entrar con cita previa.

A partir de setembro, ademais, comezará a reforma da segunda planta deste edificio de Michelena 30, que tamén será adaptada á nova normativa de seguridade. 

Con esta remodelación, iso si, desaparecerá a oficina que Abanca tiña dentro destas instalacións municipais. Fouces explicou que o Concello tentou manter este servizo, pero coa adquisición que o banco galego fixo de Caixa Geral -que ten unha oficina bancaria xusto enfronte- a entidade optou por suprimila.