Haberá un amplio dispositivo de seguridade en Marín nos días fortes das Festas do Carme

Marín
13 de xullo 2022

Este mércores tivo lugar en Marín unha reunión da Xunta Local de Seguridade solicitada polo propio Concello á Subdelegación do Goberno, de cara a coordinar as actuacións en materia de seguridade con motivo das Festas do Carme

Xunta Local de Seguridade no Concello de Marín Subdelegación do Goberno

Este mércores tivo lugar en Marín unha reunión da Xunta Local de Seguridade solicitada polo propio Concello á Subdelegación do Goberno, de cara a coordinar as actuacións en materia de seguridade con motivo das Festas do Carme.

A Xunta Local de Seguridade estivo  copresidida pola subdelegada do Goberno, Maica Larriba e pola alcaldesa, María Ramallo. Na reunión tamén estiveron presentes o comisario da Policía Nacional de Marín, Javier Rodríguez, o comisario provincial, Juan José Díaz, o comandante da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o xefe do subsector de Tráfico de Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, e o xefe da Policía Local, entre outros.

Na reunión realizouse un repaso polos principais eventos programados, con especial fincapé na Gala Xacobeas e no propio día do Carme, que serán os momentos nos que se rexistre unha maior afluencia de asistencia de persoas, tanto durante á procesión coma na finalización da tirada de fogos de artificio.

O concerto Xacobeas, que terá lugar o 15 de xullo, conta co seu propio plan de seguridade. Se prevé que acudan más de quince mil asistentes, e coincide, tal e como explicou a subdelegada "coa hora de regreso das praias, polo que será necesario coordinar os accesos para garantir unha mobilidade fluída e segura". Desde o Concello habilitarán aparcamentos disuasorios e, amais, reforzaranse as liñas de autobuses desde Pontevedra con horarios extraordinarios durante o venres e sábado.

Así mesmo, o 16 de xullo a confraría de pescadores celebrará por primeira vez tras a pandemia a procesión do Carme, que xa conta cos permisos de Capitanía Marítima.

Maica Larriba informou que neste operativo especial deseñado para garantir a seguridade durante as celebracións, a Garda Civil de Tráfico mobilizará durante toda a fin de semana varios dispositivos de control móbil de consumo de alcol e drogas.

A subdelegada destacou que, en total, e durante toda a fin de semana, "mobilizaranse arredor dun centenar de axentes das Forzas e Corpos de Seguridade locais, autonómicos e estatais co obxectivo de velar pola seguridade cidadá, prestando especial atención á seguridade viaria". 

Doutra banda, o Concello instalará un Punto Violeta durante as celebracións "para previr calquera tipo de agresión machista". 

Ramallo quixo agradecer a asistencia e especial interese mostrado pola Subdelegada do Goberno e a labor e o esforzo que se fará por parte de todos: a Policía Nacional, con máis apoios de efectivos da Comisaría Nacional e a UPR; a Garda Civil de Tráfico, nos controis de acceso á cidade e a nivel marítimo, co apoio da patrulla de embarcación de cara á procesión; a unidade adscrita da Policía Autonómica, que tamén reforzará o operativo e toda a plantilla da Policía Local, que coordinará o control do tráfico e a seguridade cidadá.