Co obxectivo de garantir que estean en "perfecto estado de revista", o goberno municipal formalizou a contratación dos traballos de mantemento dos tres parques forestais que hai en Pontevedra, A Fracha, A Tomba e Pontillón do Castro.
Destes labores encargarase durante os tres próximos anos a empresa de inserción laboral Cormo Integral, unha compañía especializada en xardinería que forma parte da órbita da Fundación Érguete, dirixida por Carmen Avendaño.
Recibirán case 340.000 euros por estes traballos, que desempeñarán tres persoas que estarán "permanentemente no monte", segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, "revisando o estado dos parques e facendo as tarefas de coidado".
Este persoal verase aumentada de maneira puntual en determinadas épocas do ano nas que estas tarefas de mantemento supoñan unha maior carga de traballo.
O mantemento do 'anel verde' de Pontevedra, sinalou a edil do BNG, terá un "especial coidado" á hora de realizar rozas e de retirar as especies invasoras. Así, como mínimo dous veces ao ano, eliminaranse acacias e eucaliptos destes parques.
Dentro dos traballos programados, a empresa Cormo Integral asumirá tamén a reparación do mobiliario dos parques e o mantemento dos camiños.
O Concello defende que estes tres parques forestais están a ter "moito éxito", polo que este plan de mantemento "cobra máis importancia" para que estas áreas naturais estean sempre en "perfecto estado".