Haberá sendas peonís e unha nova glorieta en Campañó, entre a PO-310 e a variante de Poio

Pontevedra
17 de outubro 2023

A actuación centrarase nas inmediacións do colexio de Campañó, concretamente no tramo entre a PO-310 e a VG-4.8, coñecida como alternativa norte que conecta co Mosteiro de San Xoan de Poio. O proxecto priorizará a seguridade peonil en todo este ámbito

Intersección da PO-531 coa estrada PO-310, en Campañó, onde está proxectada unha rotonda Google Maps

Ata 900.000 euros prevé investir a Xunta de Galicia nun novo proxecto de mellora de seguridade da estrada PO-531, ao seu paso pola parroquia de Campañó.

A actuación centrarase nas inmediacións do colexio de Campañó, concretamente no tramo entre a PO-310 e a VG-4.8, coñecida como alternativa norte que conecta co Mosteiro de San Xoan de Poio. 

O proxecto priorizará a seguridade peonil en todo este ámbito, executando sendas peonís en ambas as marxes da estrada PO-531.

Ademais, están contempladas un conxunto de actuacións entre as que se atopan a transformación da intersección coa estrada PO-310, que comunica coa Caeira, nunha glorieta. Acometerase unha rotonda cun diámetro exterior de 30 metros e un diámetro interior de 8, con dous carrís e dúas beiravías.

Exponse tamén a eliminación dos xiros á esquerda con carrís centrais de espera entre as dúas glorietas. Ademais procederase ao acondicionamento da intersección na marxe esquerda no punto quilométrico 3+450, de acceso ao colexio CEIP Campañó.

Tamén se habilitarán neste punto dúas zonas de aparcamento, nas inmediacións da estrada PO-531.

Para poder executar esta actuación, a Xunta de Galicia terá que expropiar doce parcelas. O Diario Oficial de Galicia publicou este luns o anuncio polo que comeza o trámite de información pública para o proxecto de mellora desta vía autonómica e fixo público a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.

Unha vez iniciado o trámite de información pública, coa publicación no DOG, o prazo para presentar alegacións será de 30 días hábiles contados a partir deste martes.