Haberá restricións no tráfico da capital pola Cabalgata de Reis

Pontevedra
02 de xaneiro 2024

Melchor, Gaspar e Baltasar participarán na cabalgata do venres 5 de xaneiro, que iniciará o seu percorrido ás 18.00 horas desde a Avenida de Lugo, para logo continuar por Loureiro Crespo, Benito Corbal, a praza da Peregrina, a rúa Michelena, a Praza de España e, finalmente, a rúa Alameda

Cabalgata de Reis en Pontevedra 2017 PontevedraViva

A Policía Local de Pontevedra anuncia que por mor da celebración da tradicional Cabalgata de Reis, o día 5 de xaneiro de 2024 produciranse restricións para a circulación de vehículos.

Chegados de Oriente, os Reis Magos, recibirán a todas as crianzas que se acheguen até o Pazo de Mugartegui entre as 11 e as 13 horas, sendo recibidos polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Melchor, Gaspar e Baltasar participarán na cabalgata da mesma tarde, que iniciará o seu percorrido ás 18.00 horas desde a Avenida de Lugo, para logo continuar por Loureiro Crespo, Benito Corbal, a praza da Peregrina, a rúa Michelena, a Praza de España e, finalmente, a rúa Alameda. 

Mantense o percorrido habitual de todos os anos, no que participan centos de persoas animando e axudando co reparto de caramelos.

A comitiva festiva contará coa presencia e participación activa da Policía Local, os Bombeiros de Pontevedra, a charanga Airiños de San Martiño, Rivel Animación, Pablo Méndez Performance, o grupo Dúos Pontes, Barafunda, Art-Monium, Troula, o grupo folclórico Pola Vila e Os de Algures.

Ademais, haberá seis carrozas distintas (a carroza Barbie, a de Shrek, a de soldadiños de chumbo e, como non, a de cadanseu rei mago).

Pola súa banda, a Policía Local lembra que por mor desta cita, será preciso realizar certas restricións de tráfico e mobilidade para vehículos. A partir das 16.00 e até as 19.00 horas nas rúas Avenida de Lugo e Loureiro Crespo (tramo entre Virxinia Pereira e Rodríguez Seoane ) non será posíbel circular. Do mesmo xeito, pero entre as 17.00 e as 20.30 horas, será imposíbel facelo nas rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Michelena, Praza de España, Alameda e Echegaray.

As rúas con sentido de circulación cara as vías sinaladas atoparanse pechadas ao tráfico, o que impedirá a saída e a entrada nos garaxes das zonas afectadas pola Cabalgata até que finalice a mesma.

ACCESO SERVICIOS EMERXENCIA

Habilitaránse dúas rutas para facilitar o acceso ao Hospital Provincial. A primeira ruta, será por Beiramar (Padre Gaite, San Antoniño, Victor Cervera Mercadillo e Loureiro Crespo) a segunda será dende Eduardo Pondal (Uxío Novoneira e Joaquín Costa).