Haberá 'Puntos Lila' previr contra a violencia machista durante as festas de San Xoán e o Festival Armadiña Rock

Poio
21 de xuño 2022

Os ‘Puntos lila’ estarán habilitados o 25 e 26 de xuño na Seca e o 26 e 27 de agosto na Praza da Chousa de Combarro e nas inmediacións da acampada en A Seca

Presentación da campaña campaña "Festas de Poio Seguras" Mónica Patxot

A tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), deu a coñecer este martes os detalles da campaña "Festas de Poio Seguras", que impulsará este departamento municipal durante a celebración dos festexos patronais de San Xoán e do Festival Armadiña Rock en Combarro. 

A través desta iniciativa habilitaranse 'Puntos lila', nos que seis promotoras de igualdade desenvolverán un traballo de concienciación e sensibilización sobre o respecto e a igualdade entre xéneros, así como na prevención das agresións machistas.

Tal e como lembrou Díaz, que estivo acompañada pola directora do CIM, Raquel Morales, e as técnicas que prestarán asesoramento nestes puntos, esta acción enmárcase dentro da batería de actividades e actuacións que figuran no IV Plan de Igualdade do Concello de Poio. 

A estrea destes 'Puntos lila' será este sábado, 25 de xuño, con motivo da actuación da Orquestra Panorama na explanada da Seca, sendo unha das citas da programación das Festas de San Xoán nas que se espera grande afluencia de público. 

Este servizo tamén se habilitará o domingo 26, xornada na que está programada a actuación de París de Noia e a tirada de fogos de artificio. Habilitarase un punto de atención, situado nas inmediacións da explanada, onde as axentes de igualdade ofrecerán información e asesoramento sobre prevención de violencias machistas e de promoción da igualdade. 

"Todas as persoas temos dereito a gozar das festas sen sentirnos acosadas, violentadas ou agredidas", sinalou a tenente de alcalde, que incide en que este tipo de eventos "son espazos de convivencia nos que se congrega unha gran afluencia de público, polo que resultan propicios para concienciar no respecto e na igualdade entre xéneros e na necesidade de eliminar a violencia machista da nosa sociedade".

Ademais, nos 'Puntos lila' tamén se repartirán vasos reutilizables e pulseiras reflectoras co lema da campaña Festas de Poio Seguras. Todo este material levará impreso un código QR a través do que, mediante o uso de dispositivos móbiles, os usuarios poderán acceder a un espazo habilitado na páxina web do Concello de Poio, no que se publicará un decálogo de identificación e actuación ante comportamentos sexistas, así como de información de contacto e recursos dispoñibles.

Silvia Díaz sinalou que o horario do Punto Lila nas dúas últimas xornadas das Festas de San Xoán será de 22.00 a 3.00 horas. Con respecto ao Festival Armadiña Rock, o posto informativo habilitaranse nas inmediacións da Praza da Chousa os días 26 e 27 de agosto, de 22.00 a 2.00 horas. Neste caso, a maiores, tamén haberá un 'Punto lila' establecido no espazo de acampada da explanada da Seca, que estará operativo de 19.00 a 22.00 horas. 

O investimento realizado para a realización desta campaña ascende a preto de 5.600 euros. Parte do financiamento realízase a través dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia 22/23.

"Para nós é vital poder implementar un programa de sensibilización e prevención de agresións machistas nos nosos espazos de lecer", indicou a responsable de Igualdade, que fixo fincapé no indispensable que resulta "involucrar e implicar a todos os axentes sociais na loita contra a violencia machista, ao tempo que se crean espazos de reflexión para tomar conciencia de que o conxunto da sociedade ten que ser parte da solución deste grave problema".