Haberá inspeccións contínuas nos bares, que poderán ser precintados se incumpren as restricións

Pontevedra
26 de febreiro 2021

O goberno galego non está disposto a que a reapertura da hostalería en Galicia, prevista para este venres, poida provocar un aumento da incidencia da covid-19. Por iso, puxo en marcha un plan de inspección e control sobre estes establecementos

Terrazas baleiras Mónica Patxot

O goberno galego non está disposto a que a reapertura da hostalería en Galicia, prevista para este venres, poida provocar un aumento da incidencia da covid-19. Por iso, puxo en marcha un plan de inspección e control sobre estes establecementos.

Esta regulación, que se publicou no Diario Oficial de Galicia, será de obrigado cumprimento para todos os hostaleiros e, entre outras medidas, prevé suspender de forma inmediata a actividade dun bar ou precintar o local se se incumpren as restricións vixentes.

Unha das principais medidas será a inspección que as autoridades realizarán de forma habitual aos establecementos. O "estándar mínimo" de control, para os municipios sen Policía Local ou con menos de tres efectivos, será unha visita semanal a cada bar e restaurante.

Nos municipios de ata 20.000 habitantes serán dúas inspeccións por semana e, no caso dos que superan esa cifra de poboación, como Pontevedra, a esas dúas revisións sumarase unha vixilancia específica as fins de semana e os días festivos.

Nestas visitas, os axentes comprobarán que o local ten exposta no exterior e nun lugar visible o seu aforo máximo permitido, que se cumpre esta porcentaxe de acordo á situación epidemiolóxica do concello, que se respectan os horarios de apertura e peche ou que os empregados e clientes cumpren coas distancias e o uso de máscara.

Para permitir un mellor control das medidas e garantir as distancias de seguridade, tanto no interior como no exterior do establecemento, as mesas e cadeiras montadas deberán corresponderse coas capacidades permitidas en condicións normais.

É dicir, terán que estar colocadas todas as mesas habituais. Sobre elas, inutilizarase con cintas ou adhesivos as que non se poida utilizar para cumprir co aforo decretado.

Ademais, os establecementos deberán descargar o seu propio código QR desde a páxina https://coronavirus.sergas.gal/ que terán que poñer ao dispor dos clientes para facilitar o rastrexo de persoas ante posibles brotes.

Todas estas medidas terán que cumprirse desde o primeiro día, salvo a obrigación de exhibir o cartel de aforos e o código QR, cuxa ausencia non será  sancionable ata as 00.00 horas do próximo 5 de marzo.