Haberá Feira Franca 2020 sen comidas particulares nin actos que poidan conlevar aglomeracións de público

Pontevedra
17 de agosto 2020

A concelleira Carme da Silva avaliaba este luns as Festas da Peregrina e amosou a satisfacción do goberno local polo desenvolvemento. Explicou que vai desenvolverse a Festa do Demo sen interacción entre os participantes e o centro histórico vai volver decorarse e ambientarse para a Feira Franca, que se adaptará ás normativas sanitarias

Neste 2020 non se realizarán actos na Feira Franca onde poidan producirse aglomeracións PontevedraViva

As actividades da Semana Grande das Festas da Peregrina foron "raras e atípicas", indicou a concelleira responsable desta área Carme da Silva este luns ao facer un balance destes días de celebracións. 

Indicou que só en dúas ocasións foi necesario activar o protocolo sanitario coa intervención da Policía Local, nos concertos de De Vacas e de Baiuca, debido á aglomeración de público que se rexistrou. Á marxe desas incidencias, Da Silva mostrou a satisfacción do goberno local polo desenvolvemento de toda a programación e polas actividades que achegaran maxia, música e teatro, entre outras propostas, a distintos puntos da cidade.

Sinalou que as iniciativas das Festas de Verán continúan este luns co concerto de Tiruleke a partir das 22.00 horas na praza da Ferrería, coas actividades de Virar coa Gaita ao longo da semana, a Urbana Pontevedra en Monte Porreiro a partir do xoves 20 e coa Festa do Demo o vindeiro domingo 23. Esta última cita terá unhas características especiais. Nesta ocasión consistirá só nun pasarrúas pero sen que se permita a interacción entre os asistentes nin a posibilidade de que os menores toquen o Demo. Tamén se celebrará A Foliada do Demo pero nas mesmas condicións que os concertos das Festas da Peregrina, isto é, non haberá bailes e o público terá que estar sentado nun espazo acoutado.

FEIRA FRANCA

Carme da Silva anunciou que haberá Feira Franca 2020. O Concello vai elaborar un cartel e prepará decoración e ambientación polo centro histórico e espazos habituais. A concelleira avanzou que se eliminarán todos aqueles elementos que produzan problemas de distanciamento como a decoración de portas á cidade que se realizaban nos últimos anos.

O venres haberá algún acto de inicio da festa medieval pero non se programará un espectáculo como era tradicional porque é imposible garantir que non se produzan aglomeracións, sinalou a concelleira. Tampouco se permitirá a instalación de mesas de particulares, si en cambio as mesas da hostalería pero sempre atendendo ás normativas sanitarias que se estableceron durante as últimas horas no DOG. 

Suspéndense os torneos medievais na praza de touros, os paseos con cabalos e todas aquelas opcións que supoñan un risco de aglomeración de persoas. "É imposible facer o habitual porque sería unha irresponsabilidade pola nosa parte", asegura Da Silva. En todo caso, desde o Concello piden a participación cidadá na medida en que se poida e que a xente luza os seus traxes medievais. 

"Temos que reconducir. Preferiría estar contándovos outra cousa, pero lonxe de estar controlada a situación epidemiolóxica vai en aumento", lamentouse a concelleira de  Festas que sinalou que todas as decisións en relación con esta edición especial da  Feira Franca estarán supeditadas aos cambios que establezan as autoridades sanitarias.

Arquivado en