Dezaseis solicitudes recibiu o Concello de Sanxenxo para celebrar unha fogueira de San Xoán nunha das tres praias nas que se permitirá acendelas: Silgar, Caneliñas e Panadeira.
Son, en todo caso, unha mínima parte dos 244 permisos que se presentaron. Ademais das praias, haberá catro fogueiras en espazos públicos, tres en lugares privados con acceso público e o groso, un total de 221, serán en leiras privadas.
Para esta noite de San Xoán, o Concello poñerá en marcha un operativo especial da Policía Local, os servizos de emerxencia e o servizo de limpeza.
O horario de vixencia para a autorización das fogueiras será exclusivamente para a noite do día 23, desde as 22 horas ás 6 horas do 24, período no que quedará prohibido o baño.
As persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21 horas. Ás seis da mañá evacuaranse as praias para proceder á súa limpeza garantido que estarán en perfectas condicións á primeira hora da mañá.
Por motivos de seguridade, desde o goberno local advirten que non estará permitido o uso de tendas de campaña nin tampouco de faroliños tailandeses. Outras medidas preventivas son a colocación de valos para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida de cinza.
Entre os requisitos esixidos para poder realizar as fogueiras nos areais atópase a queima unicamente de leña limpa e en ningún caso de materiais plásticos, madeiras pintadas ou con cravos. Tampouco se poderán levar á praia botellas ou vasos de vidro, nin reproducir música cun volume que poida molestar a zonas de vivendas.