Haberá control policial en Fin de Ano para evitar botellóns e a apertura do lecer nocturno

Pontevedra
31 de decembro 2022

Os operativos deseñados para Pontevedra pola Policía Nacional e a Policía Local establecen un dispositivo especial para previr a celebración de botellóns e dar cumprimento as demais medidas restritivas impostas pola Xunta de Galicia, fundamentalmente en zonas de lecer nocturno, os parques e a praia fluvial

Axentes da Policía Nacional Mónica Patxot

Os operativos deseñados para a cidade de Pontevedra pola Policía Nacional e a Policía Local establecerán este Fin de Ano un dispositivo especial para previr a celebración de botellóns e dar cumprimento as demais medidas restritivas impostas pola Xunta de Galicia, fundamentalmente en zonas de lecer nocturno, os parques e a praia fluvial.

Pola súa banda, a Garda Civil reforzará os servizos naquelas zonas que constitúan un previsible foco de problemas, prestando especial atención á franxa comprendida entre as 3 e as 6 horas da mañá. No caso de aparecer puntos con maior conflitividade, acudirán as unidades de reserva.

Policías nacionais, gardas civís, axentes locais e efectivos da Policía Autonómica vixiarán, expresamente, que aqueles locais que se acolleron as axudas polo peche do seu establecemento permanezan realmente pechados entre esta noite e o 3 de xaneiro.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recordou ao respecto que o peche non se reduce á noite ou ao horario no que previamente ían celebrar festas e cotillóns, senón que debe manterse as 24 horas dos días sinalados.

Entre as novas medidas decretadas ata o 18 de xaneiro destaca a decisión de limitar a apertura dos locais de hostalería e restauración ás 00,00 horas da madrugada, e do ocio nocturno, ás 03,00 horas. No caso dos primeiros, os venres e os sábados poderán ampliar os seus horarios de apertura ata as 01,00 horas.

Ademais, será obrigatorio solicitar o certificado covid para acceder aos locais de hostalería durante todo o día, e tamén volta a prohibición de consumir nas barras dos locais.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recordou que os incumprimentos das medidas decretadas serán denunciados e sancionados e apelou á responsabilidade da poboación, ademais de insistir en que "a mellor vixilancia é a prudencia da cidadanía".