Haberá campañas de dinamización cando se poida retomar a actividade no gastromercado

Pontevedra
20 de abril 2020

O espazo gastronómico da primeira planta do mercado, cuxa actividade habitual viuse interrompida polas restricións impostas polo actual estado de alarma, está a preparar xa a súa volta á normalidade para cando as autoridades así o permitan

Espazo gastronómico do mercado de abastos de Pontevedra Cristina Saiz

O espazo gastronómico da primeira planta do mercado, cuxa actividade habitual viuse interrompida polas restricións impostas polo actual estado de alarma, está a preparar xa a súa volta á normalidade para cando as autoridades así o permitan.

Para iso, o Concello aprobou investir 315.000 euros, durante os dous próximos anos, para poñer en marcha unha serie de actividades de dinamización que serán financiadas con fondos europeos, do mesmo xeito que a rehabilitación e acondicionamento das propias instalacións.

Desta cantidade, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Carme da Silva, 204.000 euros serán para un programa de actividades para nenos e para incentivar o consumo dos produtos propios de todo o mercado.

O resto, uns 111.000 euros, será para impulsar unha campaña de promoción. 

Este investimento, segundo matizou Da Silva, realizarase ao longo dos dous próximos anos.

A responsable de Promoción económica, Yoya Blanco, explicou que o servizo está "á espera" para comprobar como evoluciona a situación de alerta sanitaria, porque "non sabemos" que restricións se aplicarán á hostalería durante a desescalada.

"O espazo é o que é e se obrigan a manter a distancia social haberá que quitar mesas e tomar outras medidas", sinala a edil socialista, que se resigna a ter que "actualizar e recompoñer" o gastromercado, polo menos a curto prazo.

Esta situación, ademais, provocou que as ideas que manexaba o Concello para completar os postos e bancadas libres, tanto na venda de produto fresco como no espazo gastronómico, quedasen "no aire", segundo Blanco.

"Se nos van a limitar o espazo e vaise a restrinxir o aforo non ten sentido que o enchamos", engadiu. Isto todo caso, garantiu que os técnicos de Promoción económica seguen traballando "a todo trapo" para buscar a mellor solución para todos.

APLICACIÓN TRIBUTARIA

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno aprobou a contratación da empresa GTT para a creación e instalación dunha aplicación electrónica para a xestión tributaria municipal que permita coñecer, sen marxe de erro, a situación fiscal de todos os cidadáns.

A compañía, que foi a única que se presentou a esta licitación, recibirá 359.370 euros. Terá catro meses para crear esta ferramenta e comprobar que encaixa coa plataforma Cividas, que xestiona a administración electrónica, e outros dous meses para a súa integración. 

Ademais, o Concello prorrogou por nove meses o contrato de limpeza das dependencias municipais, ante os problemas da nova licitación; e do contrato con Recygest para a xestión recadatoria extraordinaria, que se amplía un ano máis.

Por outra banda, o goberno municipal licitará por 209.000 euros en tres anos o contrato de seguridade privada para a Unidade de Condutas Adictivas, a Casa da Luz e o espazo gastronómico do mercado; e achegará 37.790 euros para completar o diñeiro que pon a Xunta -algo máis de 155.000 euros- para ampliar a cobertura do servizo de axuda no fogar durante dous meses.