Haberá "cambios" no proxecto para Santa Clara, di Rafa Domínguez, que ve "muy escasos" os 21,5 millones previstos

Pontevedra
04 de setembro 2023

A rehabilitación de Santa Clara é un proxecto "vital" para Pontevedra. Así o defendeu o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, que se mostrou disposto a converter o antigo convento na "joya de la corona" do Museo. Para iso, Domínguez avanzou que o novo goberno provincial cumprirá "escrupulosamente" o convenio asinado co Concello, aínda que asegura que "habrá cambios" 

Xuntanza da comisión de seguimento do convenio de Santa Clara Mónica Patxot

A rehabilitación de Santa Clara é un proxecto "vital" para Pontevedra. Así o defendeu o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, que se mostrou disposto a converter o antigo convento na "joya de la corona" do Museo.

Para iso, Domínguez avanzou que o novo goberno provincial cumprirá "escrupulosamente" o convenio asinado co Concello, aínda que asegura que "habrá cambios" que se anunciarán ao longo das próximas semanas.

Santa Clara debe converterse, segundo o responsable político do Museo, na "piedra angular" dunha Pontevedra que, aproveitando o seu actual modelo urbano, se converta na "capital cultural de Galicia" e nun referente internacional.

"Queremos dar un impulso al modelo de ciudad de Pontevedra, que es mundialmente reconocible pero está comenzando a quedarse estancado", dixo Rafa Domínguez, que defende aproveitar as "sinergias" que crea este modelo coa cultura.

Domínguez fixo estas declaracións tras presidir a comisión de seguimento de Santa Clara, á que asistiu o edil pontevedrés César Mosquera, anterior responsable do Museo, e persoal técnico de ambas as institucións.

O vicepresidente provincial agradeceu a "cordialidad" deste encontro, que permitiu "esclarecer" en que situación se atopa Santa Clara e falar "cara a cara" do futuro do inmoble, dos prazos de execución ou do seu financiamiento.

A este respecto, Rafa Domínguez estima que os 21,5 millóns orzados para a obra de rehabilitación do convento son "muy escasos" e avogou por pedir a colaboración do resto de administracións ou mesmo financiamento privado.

O que non cambiará, en todo caso, é o compromiso de apertura dos xardíns de Santa Clara ao público, a utilización da antiga capela para eventos culturais ou a integración de todo este conxunto como parte do Museo de Pontevedra.

"Debemos contribuir entre todas las administraciones, desde la lealtad institucional, para que el proyecto de Santa Clara llegue a buen fin", reiterou Domínguez.

MOSQUERA VE "URXENTE" CONTRATAR A OBRA

Tras esta xuntanza, César Mosquera asegurou estar "moi sorprendido" polos poucos pasos que deu o novo goberno provincial con respecto ao proxecto de Santa Clara. O anterior executivo deixou "só pendente de contratar" o estudio gañador do concurso.

Se ben ve "positivo" a vontade da Deputación de cumprir os compromisos para a recuperación co convento e levar esta actuación a "bo termo", Mosquera cre que os prazos "apremian" e considera "urxente" que se contrate o proxecto de obra.

O edil pontevedrés recordou que ese documento é obrigatorio para poder acceder ás axudas do programa 1% Cultural do Ministerio de Cultura. "Creo que se debe pedir esa colaboración", sostivo o responsable do Museo durante os últimos anos.

En canto aos supostos cambios anunciados por Domínguez no proxecto gañador, César Mosquera asumiu que será necesario facelos polas esixencias de Patrimonio e polas necesidades concretas do Museo.

Salientou que, a pesar de que hai que modificar a proposta, non debería haber moita diferenza coa idea que presentou o equipo gañador porque "pasaron por un concurso internacional e un xurado oficial, polo que non sería un tema pacífico".

Ademais, Mosquera reiterou que os cartos previstos para a rehabilitación, 21,5 millóns de euros, deberían chegar "perfectamente" para acometer as obras. Dez deles, segundo engadiu, xa quedaron consignados nos orzamentos polo anterior goberno.

Sexa como sexa, desde o Concello coinciden con Domínguez en que Santa Clara debe ser a "xoia da coroa" do Museo. "Compartimos obxectivo. Non sei se ten o camiño para facelo, pero ogallá avancemos nesa dirección", sentenciou o concelleiro.