Na sede provincial do Partido Socialista de Pontevedra, coñecedores das sondaxes previas, xa se asumira que as urnas depararían unha baixada nos seus escanos, pero ninguén, nin os máis pesimistas, esperaban un resultado como o que finalmente se deu.
Primeiro polo descenso en porcentaxe de voto, tanto a nivel galego como provincial, pero sobre todo porque o Partido Popular aumentase a súa maioría absoluta.
Os nervios previos ás primeiras sondaxes das 8:00 da tarde foron mudando cara á incredulidade, e esa incredulidade, a medida que o escrutinio avanzaba, converteu os rostros en seriedade absoluta.
Os dirixentes que alí se atopaban, entre eles os candidatos Patricia Vilán e José Manuel Civeira, o secretario xeral da provincia, Santos Héctor ou os líderes locais Guillermo Meijón e Antón Louro, ademais doutros responsables do partido, comprobaban cada poucos minutos os monitores de televisión e ordenadores en busca dunha pequena fenda que lles devolvese a esperanza.
Co 71% dos votos escrutados, o candidato socialista, Pachi Vázquez, comparecía ante os medios dende a sede de Santiago de Compostela. Expectación entre os seus compañeiros seguida de tímidos aplausos para Vázquez. Tras o seu discurso e aceptación da derrota electoral chegaron as apertas entre compañeiros. Con pouco máis que dicir e menos ganas de analizar o acontecido, o local, que minutos antes se enchera de militantes, comezou a baleirarse.
"Obviamente no podemos estar satisfechos. Ahora lo que importa es el futuro y eso pasa por reflexionar"
Ese foi o momento elixido por Guillermo Meijón para reflexionar sobre o futuro do Partido Socialista en Galicia e Pontevedra, "obviamente no podemos estar satisfechos. En un día como este lo que importa es el futuro, y eso pasa por reflexionar y sobre todo por trabajar desde mañana para volver a tener un proyecto que ilusione a los gallegos".
A pesar da derrota, Meijón recalcou que o programa do seu partido era realizable, "pese a todo creemos que existe otra forma de gobernar para salir de la crisis".
O diputado socialista e secretario local de Pontevedra quixo felicitar aos vencedores e tamén aos compoñentes de Alternativa Galega de Esquerdas, dos que dixo que "fueron capaces de ilusionar al electorado. Ahora nos toca colaborar con ellos para sacar al país adelante. Queremos trabajar para que el PSOE vuelva a ser un referente".