O PSdeG-PSOE na circunscrición territorial pontevedresa ten novo coordinador comarcal. Trátase de Guillerme 'Yeyo' Pérez Agulla, que tamén ocupa o cargo de secretario de Formación na Agrupación municipal.
'Yeyo' estrearase neste posto o vindeiro xoves 22 de setembro ás 19:30 horas, na primeira reunión de traballo que manterá a nova Coordinadora Comarcal, onde analizarán as problemáticas ás que se enfronta a comarca e proporán as principais liñas de acción política e organizativa a desenvolver, especialmente nos vindeiros meses, de cara a definir as estratexias do novo ano electoral.
A Coordinadora está composta por secretarias e secretarios xerais das agrupacións municipais socialistas, os e as voceiras dos grupos municipais e os alcaldes e alcaldesas do PSdeG-PSOE nos municipios de A Lama, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Fornelos de Montes, Poio, Pontecaldelas, Pontevedra e Soutomaior.
O propio Pérez avanzou que a "grave situación da Área Sanitaria de Pontevedra e dos centros de saúde" será un dos principais temas a tratar, do que indicou que ten unha "perigosa mingua de servizos e da calidade na atención dos cidadáns, froito das políticas privatizadoras e de desmantelamento da Sanidade Pública do Partido Popular".
Tamén abordará "a necesidade dunha verdadeira política forestal e de xestión do territorio" despois dos incendios deste verán, os recortes en Educación e a eliminación da Tarxeta Básica. "Todas elas son problemáticas de grande repercusión no ámbito da nosa comarca", afirmou.