Guerra contra as acacias ou a margarida africana na illa de Ons

Bueu
25 de febreiro 2024

Eliminar as especies exóticas invasoras nas illas de Ons, Cíes e Sálvora é o obxectivo da actuación que impulsa a Xunta de Galicia dentro do proxecto LIFE Insular, no que participan España e Irlanda e que busca acadar a restauración integrada de hábitats insulares do Atlántico

Illa de Ons COAG

Eliminar as especies exóticas invasoras nas illas de Ons, Cíes e Sálvora é o obxectivo da actuación que impulsa a Xunta de Galicia dentro do proxecto LIFE Insular, no que participan España e Irlanda e que busca acadar a restauración integrada de hábitats insulares do Atlántico.

Para esta actuación o goberno galego destinará 130.000 euros ata novembro de 2026.

A retirada destas especies centrarase nas dunas fixas e no seu hábitat de contacto, para garantir que manteñan un estado de conservación favorable.

Darase así continuidade aos labores iniciados en 2022 e acometidos tamén durante o ano pasado nos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora sobre a flora terrestre exótica invasora, especialmente acacias ou a margarida africana.

Todos estes traballos para mellorar o hábitat das illas e eliminar a flora invasora farase mediante a aplicación de métodos manuais para non danar o ecosistema das illas.

O proxecto LIFE Insular busca ademais aumentar a resiliencia destes espazos naturais fronte ao cambio climático, minimizando o impacto que poden causar as posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación, entre elas o risco de vendavais ou a erosión eólica catastrófica.

O obxectivo é avanzar cara a unha recuperación da paisaxe natural destas illas co reto de reverter a situación á que había 70 anos atrás.