Greenpeace reivindicará a protección dos océanos en Vilagarcía o vindeiro sábado

O Salnés
09 de xuño 2022

Voluntarias da organización pedirán en Vilagarcía de Arousa o apoio cidadán para lograr un Tratado Global dos Océanos

Barco de Greenpeace Greenpeace

Voluntariado de Greenpeace en Galicia sairá ás rúas de Vilagarcía o vindeiro sábado 11 de xuño para pedir a colaboración cidadá e lograr un Tratado Global dos Océanos que protexa o 30% dos mesmos para 2030. Deste xeito, membros da organización en Galicia súmanse ás actividades que, con motivo do Día Mundial dos Océanos celebrado o pasado 8 de xuño, desenvólvense en múltiples cidades do mundo.

Durante a xornada instalarán na Praza de Galicia, de 11 a 14 horas, unha caseta informativa para recoller sinaturas a favor do devandito tratado. Case que cinco millóns de persoas en todo o mundo e máis de duascentas mil en España xa se uniron a esta petición e calquera persoa pode facelo na páxina web de Greenpeace. 

Greenpeace asegura que este apoio da cidadanía será clave nos vindeiros meses para conseguir un Tratado Global sólido, que realmente supoña unha xestión completa e integrada de todas as actividades, dende a pesca en augas internacionais á incipiente concesión de licenzas de minería submariña. 

A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, ratificou o compromiso do estado español para asegurar a protección de, cando menos, o 30% do océano global a través dunha rede de áreas mariñas altamente protexidas para 2030. Pero segundo un documento ao que tivo acceso Greenpeace tras a pasada rolda de negociacións de marzo, a Secretaría Xeral de Pesca do Goberno español estaría a valorar positivamente excluír a actividade pesqueira do Tratado Global dos Océanos, "algo que non ten sentido debido a que a desenfreada actividade pesqueira é un dos principais problemas que atravesan", afirma este colectivo ecoloxista. 

Por iso Greenpeace denuncia o "dobre xogo" do Goberno de España cunha unha demanda clara: "que se inclúa a xestión da pesca no texto final do devandito Tratado".