Greenpeace regresa a Vilagarcía co seu buque Arctic Sunrise

O Salnés
21 de abril 2024

O Concello de Vilagarcía e Greenpeace volverán colaborar de cara á visita que o buque do grupo ecoloxista, Arctic Sunrise, realizará no mes de xuño á cidade. A actividade está enmarcada na súa campaña de protección dos Océanos e na defensa da pesca artesanal e sostible

 

Buque Arctic Sunrise Greenpeace

O Concello de Vilagarcía e Greenpeace volverán colaborar de cara á visita que o buque do grupo ecoloxista, Arctic Sunrise, realizará no mes de xuño á cidade. A actividade está enmarcada na súa campaña de protección dos Océanos e na defensa da pesca artesanal e sostible.

Responsables da organización mantiveron unha reunión coa tenente de alcalde, Tania García, para ir planificando as posibles iniciativas a levar a cabo como complemento ás visitas guiadas ao barco.

En representación de Greenpeace participaron no encontro Manoel Santos, coordinador de Greenpeace Galicia; Marta Martín-Borregón, responsable da campaña de Océanos e Pesca de Greenpeace España; e Mariló Ramos, coordinadora da delegación da ONG en Arousa.

A visita do Arctic Sunrise forma parte das campañas informativas e de sensibilización que desenvolve periodicamente o colectivo ecoloxista e pacifista, que buscará en Vilagarcía dar a coñecer a súa labor e as misións que leva a cabo por todo o mundo. A previsión é que o atraque se produza durante a segunda quincena de xuño.

Desde o goberno de Vilagarcía amosaron a súa "plena disposición" para colaborar nesta acción prestando apoio loxístico e facilitando infraestruturas para o desenvolvemento de actos, posto que as políticas medioambientais e coidado do medio ambiente son dúas liñas de traballo "prioritarias" do executivo presidido por Alberto Varela.

Neste marco, o Concello iniciou en 2019 unha liña de colaboración con Greenpeace, entidade que xa ten realizado varias accións na capital arousá. A primeira foi a visita que o seu buque insignia, o famoso Rainbow Warrior, fixo en 2019 no marco da campaña "En marcha polo clima". Daquela, o barco recibiu 5.000 visitas, o colectivo desenvolveu obradoiros e mantivo reunións con distintas formacións políticas e sociais, e tamén se celebrou un multitudinario concerto polo clima no que participaron Depedro, Uxía e Maika Makovski.

En 2022, o voluntariado de Greenpeace desenvolveu en Vilagarcía unha campaña informativa e de apoio ao Tratado Global dos Océanos, e en 2023 a organización proxectou no Salón García o documental "Santuario", reivindicando a protección da Antártida a través dos ollos de Javier e Carlos Bardem durante os meses que compartiron con activistas de Greenpeace no continente xeado.