Greenpeace recorre ante a Audiencia Nacional a prórroga de Ence en Pontevedra

Pontevedra
25 de novembro 2016

A organización ecoloxista entende que a actividade industrial da empresa é incompatible co dominio público e debería ter outra localización. Afirman que o Ministerio recoñeceu que Ence incumpriu os termos da concesión xa que se realizaron actividades diferentes ás marcadas

Ence Mónica Patxot

Greenpeace presentou un recurso ante a Audiencia Nacional contra a Orde do Ministerio de Medio Ambiente do 20 de xaneiro de 2016, para que Ence Enerxía e Celulosa S.A. permaneza na ría de Pontevedra outros 60 anos.

A organización ecoloxista considera que a empresa desenvolve unha actividade industrial "incompatible co dominio público e que pode ter outra localización".  Por tanto, aseguran que esta concesión de prórroga entra dentro dos usos non autorizables no dominio público tal e como se establece na Lei de Costas e o Ministerio "non debía de concedela".

A orde ministerial advirte expresamente que "a zona sobre a que está previsto situar as instalacións pode ser inundable pola súa propia natureza...", o que xustificaría aínda máis a súa denegación, a xuízo de Greenpeace.

Ademais, afirman que o propio Ministerio recoñeceu que a papeleira "incumpriu os termos da concesión oitava do título concesional xa que se realizaron actividades que implican a alteración da finalidade deste título". Ante isto, sinalan desde Greenpeace que "o Ministerio non só non iniciou expediente sancionador algún nin declarou a caducidade da concesión, senón que concedeu a prórroga da concesión durante 60 anos máis".

"Prorrogar varias décadas a actividade de ENCE en Pontevedra por parte dun Goberno en funcións é máis que cuestionable e irregular. Con todo, o que non é cuestionable é que a propia administración central do Estado recoñeza que a empresa incumpriu os termos da concesión realizándose actividades diferentes ás marcadas e que a pesar diso autorice a súa actividade", declarou José Manuel Marraco, avogado de Greenpeace España.

Arquivado en