Grans de area que pode aportar cada cidadán para frear o coronavirus

Pontevedra
14 de marzo 2020

Recomendan evitar toda atención sanitaria que non sexa estritamente necesaria, lavar as mans frecuentemente con auga e xabón, evitar tocar os ollos, o nariz e a boca e practicar unha boa hixiene respiratoria. Os síntomas máis comúns da enfermidade son febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea 

Medidas de hixiene ante o coronavirus Cristina Saiz

A única forma de diminuír o efecto que o coronavirus poida ter na sociedade é a través da participación de toda a cidadanía, que debe seguir as recomendacións que se están a dar desde as autoridades sanitarias para minimizar o contacto entre as persoas e manter uns hábitos correctos de hixiene respiratoria.

Desta maneira a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia detalla unha serie de medidas provisionais especialmente dirixidas a reforzar a seguridade dos pacientes fráxiles ou máis vulnerables, como poden ser as persoas anciás pluripatolóxicas e inmunodeprimidas, co obxectivo de evitar que estean en lugares nos que conflúan con outros cidadáns.

CONSULTA TELEFÓNICA CON PROFESIONAIS SANITARIOS
O Servizo Galego de Saúde ten establecidos sistemas de consulta telefónica á disposición da cidadanía nos centros de atención primaria. 

ACCESO AOS CENTROS SANITARIOS
Evitar toda atención sanitaria que non sexa estritamente necesaria, coa finalidade de tratar de diminuír as concentracións de persoas nas salas de espera e nos medios de transporte público. No caso de que o paciente acuda a un centro sanitario con sintomatoloxía respiratoria aguda, debe poñer unha máscara, que estará á súa disposición nun lugar visible e sinalado. Por seguridade, estará limitado o número de persoas que acceden aos centros sanitarios para acompañar os pacientes, de maneira que recoméndase que os pacientes acudan sós aos centros sanitarios. Se isto non fose posible, cada paciente que acuda a un centro sanitario só poderá ter, como máximo, un acompañante.

MEDIDAS DE HIXIENE DE MANS E RESPIRATORIAS
- Lavar as mans frecuentemente con auga e xabón ou utilizar unha solución hidroalcohólica.
- Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca se non se teñen as mans limpas.
- Practicar unha boa hixiene respiratoria. É dicir, ao tusir ou esbirrar, tapar a boca e o nariz cun pano de papel, que inmediatamente hai que desbotar nunha papeleira, ou facelo contra a flexura do cóbado. Despois de esbirrar, tusir ou usar panos, deberanse lavar ben as mans.
- De ter síntomas de infección respiratoria, como febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea, hai que afastarse doutras persoas e manterse a unha distancia de, polo menos, 2 metros.
- Non se lles recomenda usar máscara como medida de protección a aquelas persoas que non estean enfermas ou que se atopen nun centro sanitario. 
- No caso das persoas máis fráxiles ou vulnerables, convén evitar, na medida do posible, espazos pechados cunha alta afluencia ou ocupación.

SINTOMATOLOXÍA
Os síntomas máis comúns da enfermidade polo coronavirus (COVID-19) son febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea.

COMO ACTUAR
No caso de que nos 14 días seguintes á chegada dunha área de risco ou de estar en contacto cun caso de COVID-19 presente os síntomas descritos, recoméndase non acudir directamente ao hospital ou centro de saúde, senón contactar por vía telefónica coas autoridades sanitarias.  
 
TELÉFONO DE INFORMACIÓN PARA A CIDADANÍA
No caso de que teña algunha dúbida ou necesite información respecto aos aspectos asistenciais do novo coronavirus ou se padece unha sintomatoloxía leve, pode chamar ao teléfono 900 400 116. Aconséllase empregar o teléfono 061 con racionalidade e unicamente para situacións de emerxencia.

Para máis información, aquí