Numerosas personalidades da vida pontevedresa déronse cita na inauguración das novas instalacións do Tanatorio Pontevedra, antes coñecido como Tanatorio San Mauro.
A localización é a mesma, fronte ao cemiterio de San Amaro, pero cambia completamente tanto o edificio como a súa contorna.
A presentación destas novas instalacións levouse a cabo nun acto conducido polo popular presentador e actor David Amor, que foi dando paso ás intervencións de Juan Perdiz, xerente de Servicios Funerarios San Marcos-Tanatorio Pontevedra, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Precisamente o alcalde destacaba a importancia de contar na cidade cunhas instalacións nas que se nota un "respecto a moitas sensibilidades" e lembrou, aínda que sen nomealo expresamente, o recente falecemento da súa nai con palabras de recoñecemento ao labor de todo o persoal de Tanatorio Pontevedra: "eu pasei por eses momentos hai pouco e agradécese un trato profesional e próximo por parte da funeraria".
A presentación levouse a cabo na ampla sala de actos, que está xa ao dispor de todos os que así o soliciten para "actos personalizados, actos íntimos ou públicos de despedida, con vídeo, música ambiente ou en vivo e participación dos seres queridos", indicaba Juan Perdiz, quen engadía que "se coidou a ambientación, a iluminación, a climatización e a estética". Características que se estenden a todo o tanatorio, que inclúe ademais novas tecnoloxías, unha remodelada cafetería e ata unha sala de lectura onde poder ter un momento de relaxación nuns momentos tan delicados.
Outra das novidades do Tanatorio Pontevedra é a ampliación da zona de aparcamento, con prazas exclusivas para cada unha das salas e un maior espazo tanto na zona privada como na pública, chegando en total ás 170 prazas de estacionamento.
No acto estiveron presentes concelleiros da corporación pontevedresa, como Rafa Domínguez ou Goyo Revenga; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; a presidenta do Pontevedra C.F., Lupe Murillo; ou o presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, entre outros.
Á presenza de personalidades da vida pública pontevedresa uniuse unha ampla representación do sector funerario galego e mesmo con profesionais chegados doutros puntos da Península. Foi o caso do ex-xogador do Pontevedra C.F. na etapa do último ascenso a 2º división, en 2004, Alejandro Vázquez, actualmente dedicado aos servizos funerarios en Xixón.
O acto de presentación remataba cunha degustación de produtos galegos na carpa instalada no exterior expresamente para o evento, que tamén serviu como celebración dos 25 anos de traxectoria de Servicios Funerarios San Marcos en Pontevedra, que se cumprirán o próximo 12 de febreiro de 2020.