Gran demanda de participantes no curso de cociña que imparte na aula da UNED en Portas o chef Miguel Piñeiro

Umia
18 de outubro 2022

O Curso de Cociña III comezou este luns e impartirase ata o 28 de novembro nun horario de 16:30 a 19:30 horas durante un total de 18 horas lectivas que levarán a cabo os luns

Miguel Piñeiro, durante a impartición do Curso de Cociña III UNED Pontevedra

A aula Universitaria da UNED en Portas esgotou en poucas horas a inscrición para participar na terceira edición do Curso de Cociña que imparte Miguel Piñeiro Frieiro, cociñeiro e director do Hotel Roquiño de Caldas de Reis, e que volve poñer en marcha a Universidade Nacional a Distancia (UNED) a través do departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais que coordina Rafael Cotelo Pazos. 

O Curso de Cociña III comezou este luns e impartirase ata o 28 de novembro nun horario de 16:30 a 19:30 horas durante un total de 18 horas lectivas que levarán a cabo os luns. 

Esta nova edición do Curso de Cociña será impartido nas instalacións da antiga casa do médico, xunto ao CPI Domingo Fontán, na Rapeira, que facilita o Concello de Portas para un mellor desenvolvemento teórico e práctico do curso. 

Esta formación está dirixida ao público en xeral e ten un custo por alumno de 36 euros. O obxectivo do curso é achegar coñecementos teóricos e técnicas de cociña para mellorar a calidade de vida das persoas e ensinar formas simples e entretidas en que a alimentación sexa a base da nosa saúde. 

A UNED mantén aberta unha lista de espera para aquelas persoas interesadas en acudir a este curso por se algunha persoa decidise renunciar á súa praza para que poida ser ocupada a vacante por algún outro alumno que mostre o seu interese e formalice a súa inscrición.