Gonzalo Caballero dá todo o seu respaldo ao PSOE local ante os "ataques que a dereita lle quere facer de forma sesgada e malintencionada"

Pontevedra
20 de abril 2019

O secretario xeral do PSdeG participou nas Xornadas de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE celebradas este sábado en Pontevedra e engadiu que o candidato á Alcaldía para as próximas eleccións municipais do 26 de maio "ten todo o respaldo de todo o PSdeG para ser o gran alcalde que Pontevedra necesita"

Xornadas de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE en Pontevedra PSdeG-PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou este sábado en Pontevedra que a agrupación municipal socialista ten "todo o respaldo" do partido ante "os ataques que a dereita lle quere facer de forma sesgada e de forma malintencionada porque non lle dan as contas". 

Así o asegurou con motivo da súa participación nas Xornadas de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE celebradas na mañá deste sábado no Hotel Galicia Palace de Pontevedra. Aínda que non especificou á que ataques facía referencia, coinciden no tempo coas pintadas que sufriron nos últimos días a sede local do partido e diversos puntos de colocación de propaganda electoral

Caballero insistiu en que a agrupación socialista de Pontevedra conta co respaldo de todo o PSOE e o seu candidato á Alcaldía para as próximas eleccións municipais do 26 de maio, Tino Fernández, "ten todo o respaldo de todo o PSdeG para ser o gran alcalde que Pontevedra necesita".

O acto, enmarcado na campaña do PSOE para as eleccións xerais do 28 de abril, tamén lle serviu a Gonzalo Caballero para poñer de relevancia que a agrupación socialista traballou duro co actual presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "para conseguir un novo ciclo político en España", demostrando que é unha agrupación que "traballa en todo o seu compromiso" e que "ten ademais unha  posición de seguridade que é a mellor garantía para Pontevedra".

"Tempo ao tempo,os socialistas de Pontevedra son a mellor garantía para esta cidade, tamén para as políticas sociais e especialmente de cara a estas eleccións municipais temos unha excelente candidatura, encabezada por un socialista de pro, comprometido co seu concello, adicado ao benestar dos pontevedreses", ensalzou o líder dos socialistas galegos. 

Centrou o seu discurso nas políticas sociais, xusto o eixo central do acto, do que explicou que o obxectivo era "sentarse un par de horas para reflexionar sobre o máis importante que hai nun país, o dereito de todos de ter unha posibilidade de prosperar, de ter unha vida digna, a que a desigualdade económica non poida deixar na cuneta a centos de milleiros de cidadáns".

Nestas xornadas participaron representantes de distintas entidades sociais do eido da diversidade funcional, da loita contra o alzheimer e da sanidade pública, tanto de Pontevedra como doutros puntos de Galicia e contaron en todo momento con intérpretes de lingua de signos da asociación Xoga para garantir que foran accesibles a todas as persoas presentes. 

Gonzalo Caballero reivindicou ao PSOE como "a mellor garantía para o sistema público de pensións" e destacou a importancia da educación como "mecanismo fundamental de igualdade e de xustiza social". Neste eido, sinalou que o compromiso do PSOE de Pedro Sánchez de cara ao vindeiro 28 de abril pasa por elevar a inversión na educación pública ata o 5% do PIB e por avanzar para facer gratuítas as prazas de gardería para nenos ata os tres anos.

A secretaria local do PSOE en Pontevedra, Maica Larriba, fixo fincapé na importancia da política social para "non deixar a ninguén" polo camiño da saída da crise fronte ás "políticas neoliberais do PP" e Tino Fernández destacou que o seu proxecto para a cidade está baseado "na loita pola igualdade e a mellora da calidade de vida" para toda veciñanza. "Con carácter transversal", recalcou, consciente de que aínda "queda moito por traballar".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, advertiu contra aqueles partidos que "queren rachar coa universalidade e a gratuidade dos servizos públicos", mentres que o PSOE aposta "sen ambaxes" polo sistema público como vía para "rachar coas discriminacións" e para "dar igualdade de oportunidades".