Gonzalo Arca, a triunfar en "La Voz" da man de Pablo López

Pontevedra
21 de outubro 2017

En Pontevedra, somos moitos os que sabemos do talento de Gonzalo Arca. Agora, puidérono descubrir millóns de espectadores. O músico de Vilagarcía de Arousa converteuse, este venres, nun dos novos concursantes da quinta edición de La Voz, o talent musical que emite Telecinco

Gonzalo Arca, na súa actuación en "La Voz"
Gonzalo Arca, na súa actuación en "La Voz" Mediaset España

En Pontevedra, somos moitos os que sabemos do talento de Gonzalo Arca. Agora, puidérono descubrir millóns de espectadores. O músico de Vilagarcía de Arousa converteuse, este venres, nun dos novos concursantes da quinta edición de La Voz, o talent musical que emite Telecinco.

Gonzalo Arca participou na última audición a cegas do programa, interpretando The man in me, unha canción incluída no disco New Morning de Bob Dylan.

Neste proceso, os catro coaches da Voz, que este ano son Juanes, Malú, Pablo López e Manuel Carrasco, escoitan ao artista de costas e, se lles gusta a actuación, pulsan un botón e xírase a súa cadeira para poder velo de fronte. A partir de aí, é o aspirante o que debe elixir entre os que se xiraron o equipo ao que vai.

Tanto Manuel Carrasco como Pablo López xiráronse poucos segundos despois de que Gonzalo Arca comezase a cantar acompañado unicamente da súa guitarra. Pero tanto Malú como Juanes, que xa tiñan completo o seu equipo, quedaron hipnotizados escoitando o estilo musical americano que despregou o pontevedrés sobre o escenario.

El mesmo recoñeceu que este estilo foi un hándicap para el en anteriores programas porque debido aos seus gustos musicais "nunca he considerado encajar en otros concursos". Iso si, ata agora, xa que logrou pasar a primeira fase de La Voz.

Tras terminar a súa actuación, Juanes asegurou que Gonzalo canta "muy chévere" e que se non completara o seu equipo con anterioridade loitaría por el porque "tienes un bello color de voz y un carácter especial como cantante".

Manuel Carrasco, pola súa banda, viu nel unha gran personalidade por cantar esta canción "con ese color de voz que te nace y te sale"; mentres que Pablo López tamén destacou que ten "una gran voz y mucha clase tocando". Finalmente, foi este último polo que se decantou Gonzalo Arca.

Gonzalo Arca, natural de Vilagarcía de Arousa, é un dos músicos máis coñecidos da escena musical de Pontevedra. Habitual do Local de Música da cidade, foi un dos gañadores do Fest 2013 e, fai case tres anos, editou o seu primeiro disco: Alone At The Crossroads,

Tras o seu paso por bandas como Vado Permanente, The Preachers e Sugar Mountain, Gonzalo Arca apostaba entón por un disco que camiñaba entre o rock, o soul e o country, cos sons clásicos americanos pero cun aire pop que os actualizaba.

Tamén foi autor de dous dos temas da banda sonora da película El desconocido de Dani de la Torre e no seu repertorio conviven temas propios e versións de Bob Dylan, The Beatles, Chris Robinson ou The Rolling Stones.