Gómez Caamaño avanza que o Novo Montecelo será o primeiro hospital público de Galicia con todos os quirófanos dixitalizados

Pontevedra
06 de novembro 2024

No Parlamento de Galicia, o conselleiro de Sanidade respondeu ás críticas da agrupación socialista sobre a xestión da obra do novo hospital á que cualifican de "faraónica e mal planificada"

Antonio Gómez Caamaño, conselleiro Sanidade, no pleno do Parlamento Xunta de Galicia

No pleno do Parlamento de Galicia celebrado este mércores, 6 de novembro, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, defendeu o proxecto do Novo Hospital Montecelo de Pontevedra, destacando que será o primeiro hospital público de Galicia con todos os quirófanos dixitalizados.

Este anuncio foi parte dunha resposta a unha pregunta formulada polo Partido Socialista en relación ao futuro do hospital.

Gómez Caamaño subliñou que os orzamentos da Xunta para 2025 inclúen unha partida de 30 millóns de euros para o equipamento do novo hospital, dos cales máis de 7,2 millóns destinaranse á área cirúrxica.

A dixitalización completa permitirá a interconexión dos equipos dentro dos quirófanos e a integración dos datos na historia clínica electrónica IANUS, mellorando así a eficiencia e a calidade da atención médica.

O conselleiro reiterou o compromiso da Xunta co cumprimento do Plan funcional do Novo Montecelo, asegurando que os primeiros servizos do Hospital Provincial, como urxencias pediátricas, pediatría, partos, obstetricia, xinecoloxía, neuroloxía, medicina interna e oncoloxía, migrarán ao novo edificio unha vez estea rematado.

A segunda fase do proxecto incluirá a reforma do actual edificio do hospital Montecelo.

Esta intervención era consecuencia das preguntas efectuadas pola parlamentaria socialista Paloma Castro, quen esixiu ao goberno galego que garanta o cumprimento do Plan de Usos do Gran Montecelo.

Paloma Castro, deputada do PSdeG-PSOE   PSdeG-PSOE

Castro expresou preocupación polo feito de que, despois de 14 anos de espera, o goberno poida estar a incumprir o plan debido á posibilidade de que o novo hospital quede pequeno.

Tamén destacou o atraso no traslado de áreas como Oncoloxía e Psiquiatría, criticando a discriminación persistente cara ao servizo de Psiquiatría, que sofre pola falta de persoal e recursos.

Castro acusou ao goberno galego de xestión desastrosa, lembrando que en 2011 o PP paralizou o proxecto inicial de hospital para Pontevedra, iniciado polo goberno socialista de Pérez Touriño, en favor dunha obra que considera faraónica e mal planificada.

Desde a Consellería de Sanidade lembran que a Xunta está a investir preto de 170 millóns de euros nas obras de ampliación, co obxectivo de proporcionar un servizo sanitario de calidade e adaptado ás necesidades actuais e futuras da poboación.