Goberno, eurodeputados e sector deseñarán en Marín unha estratexia para tumbar o convenio de Mauritania

Marín
12 de setembro 2013

Os mariñeiros, dunha vintena de barcos do Morrazo, trasladaron este xoves en rolda de prensa o seu malestar ante as "escasas posibilidades" de lograr unha revisión favorable das condicións do acordo pesqueiro que asinaron o ano pasado, que exclúe os barcos cefalopoderos pontevedreses

Marín acollerá este venres unha reunión para abordar a forma de facer fronte ao novo acordo da Unión Europea con Mauritania, no que afecta á frota cefalopodera de Marín.

Será no Museo Municipal Manuel Torres, a partir das 11.00 horas. Á cita acudirán o Secretario Xeral do Mar do Ministerio de Medio, Carlos Domínguez, a conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, representando ao goberno galego así como o eurodeputado do PSOE, Sánchez Presedo do BNG, Ana Miranda, ademais do presidente da Comisión de Pesca no Parlamento Europeo, Gabriel Mato (PP). Igualmente están convocados os grupos municipais de Marín e os mariñeiros e armadores afectados, segundo detallou Xabier Aboi, representante do sindicato CIG, que tamén está invitado ao evento.

Os cefalopoderos levan amarrados dende hai máis dun ano sen caladoiro alternativo

Os mariñeiros, dunha vintena de barcos do Morrazo, trasladaron este xoves en rolda de prensa o seu malestar ante as "escasas posibilidades" de lograr unha revisión favorable das condicións do acordo pesqueiro que asinaron o ano pasado, que exclúe os barcos cefalopoderos pontevedreses.

Segundo denunciou Xabier Aboi, este asunto non figura na orde do día da reunión que o próximodía 17 celebrará en Nuakchot entre a comisión mixta Unión Europea-Mauritania.

Aboi insistiu en que tampouco se fixo ningún tipo de presión aos eurodeputados para que tumben o protocolo na votación da Eurocámara.

Mentres os cefalopoderos levan amarrados dende hai máis dun ano, sen caladoiro alternativo, e sen cobrar as axudas dende o pasado mes de xullo.

O secretario xeral de CIG-Mar recolleu as palabras do secretario xeral de Cepesca, Javier Garat, tras a reunión deste mércores en Bruxelas co negociador da DG Mare da CE ante Mauritania, Roberto Cesari, sinalou que a única posibilidade é que acepten que vaia algún barco a unha campaña experimental. Aboi, non obstante, non confía nesta opción xa que Mauritania sempre se negou a aceptar barcos europeos na campaña.

Dende CIG-Mar insistiu en que "ou hai un cambio na forma de premer ou se nos esquece este caladoiro". A última palabra terana os eurodeputados cando voten esta cuestión no pleno da Eurocámara o próximo día 7 ou 8 de outubro.

Arquivado en